Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/04/20

El amigo

Unha amiga recomendoume este libro xa hai tempo, e foi agora cando tiven azos para lelo. Sigrid Núñez publica en Anagrama El amigo, un libro que semella un exercicio de autoaxuda para sobrelevar a dó (a inesperada perda do seu amigo provocará unha especie de "perplexidade perenne") e que ao mesmo tempo é unha cita continua doutros libros e doutros autores, de filmes (boto de menos unha bibliografía final!). Unha relación entre unha moza e un can vello que herda da morte do seu mellor amigo que serve para reflexionar sobre a vida, o amor, o sexo, a amizade, a perda, a literatura... Polo libro desfilan citas literarias, pensamentos literarios, cursos de escritura, consellos, metaliteratura e reflexións sobre os animais de compañía. Arredor deste animal de compañía, do can chamado Apollo, escríbese o libro, un libro no que o único nome propio que aparece é o do can, xa que todos os personaxes humanos non o teñen. Quizais para resaltar que os animais non teñen certos defectos propios dos humanos como a envexa ou a vaidade, e quizais por iso nos avantaxan; iso si, senten tantas emocións coma nós. Amar os animais é normal.
O libro procura unha vibración no lectorado especial, de xeito sinxelo, e resalta por introducir unha perspectiva diferente para explorar os vínculos afectivos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.