Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/04/20

Pueblo frente al mar

Minas de carbón en Cabo Bretón, Canadá. 1950. Este é o argumento deste insólito álbum ilustrado que publica Ekaré: Pueblo frente al mar de Joanne Schwartz con ilustracións de Sydney Smith. Un neno (8, 9 anos?) goza do seu último verán antes de ir traballar ás minas, porque ese é o seu destino, a herdanza do seu pai mineiro; o rapza goza durante o día e ofrécenos a liberdade do ar para contrastalo coa claustrofobia da mina. No libro non se propón ningunha outra alternativa, de aí a tristura que destila. É unha homenaxe a todos os homes que traballaron nas minas baixo o mar en condicións ínfimas, deplorables; eses mesmos homes que se sindicalizaron par pedir mellores soldos e que foron pioneiros na súa loita. Unha homenaxe calada que nos deixa unha sorte de abandono na alma. Porque "as cousas son así".
As ilustacións xogan coa dobre páxina, con viñetas diferentes, e son quen de dar ritmos diferentes á narración, porque son elas as que nos mandan deter na lectura, as que nos mandan seguir. Non son as palabras, senón elas, as que imprimen de negro ou de cor a lectura. O negro da mina ou a cor da luz de fóra.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.