Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/04/20

Todo lo que no te conté

Se queredes que vos recomende un libro sen dubidar, aquí o tedes. Todo lo que no te conté de Celeste Ng publicado por Alba, foi unha aposta dunha amiga, Luz, que sempre acerta. Tíñao na biblioteca do centro, pero non apostara tan forte ata que unha chamada telefónica mo rescatou. Así que, novamente, grazas, Paramio, porque gustoume moito... non, moitísimo. Non sei que vou ler despois desta marabilla! Porque, iso si, a sensación de afogamento familiar aínda me vai durar... A verdade, non comprendo como se pode dicir que este libro é un "thriller": desde o meu punto de vista nada máis afastado da realidade. O libro fala das relacións familiares, das relacións matrimonimais, das relacións filiais... e despois tamén do rexeitamento social se es diferente. Un drama familiar que nos absorbe e nos desgarra, que vai pouco a pouco soltando segredos en continuos flas-back e pasearemos de crequenas entre soidade e frustración para chegar á dor e á desesperanza, aínda que sempre quede, quizais, unha raiola de sol. Emocións contidas e palabras presas nos beizos, sentimentos latentes que non se permite que saian á superficie, dificultades sociais que enganamos co ruído do corazón batente, lugares inesquecibles que se agochan intermitentemente, personaxes nus que permiten que sexa o lectorado quen os xulgue... Xa digo, o libro está agardando por vós. Lédeo, e se vos defrauda, avisádeme, por favor.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.