Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/04/20

Un lume azul

Por fin, puiden coller libros máis grosos aos que durante o curso habitual non podo meterlles o dente. Pedro Feijoo volve con Un lume azul publicado por Xerais á intensidade da escrita e a ternos pegadxs ao libro mentres non rematamos a lectura. Capítulos nos que non é doado sequera respirar, pola súa truculencia (recoñezo que ás veces lin en diagonal ou saltaba algunhas liñas porque non soportaba tanta crueldade na descrición das torturas). 
O libro comeza forte, avisándonos do que vai vir despois: a bestialidade máis núa. Nesta crueza está presente asemade a crítica social, xa que a investigación policial vainos levar non aos baixos fondos, como sucede habitualmente, senón ás partes altas da sociedade, esas que dominan o poder e a corrupción. En Vigo, o seu espazo.
Como é habitual neste tipo de novelas e na man deste autor, a lectura é aditiva e mantén un ritmo trepidante (a pesar das descricións), procurando unha intriga que non descansa. Canda isto, atopamos unha vez máis chiscadelas referentes á actualidade máis actual (personaxes públicos que coñecemos, por exemplo) e unha reflexión ao que vivimos. Esta reflexión vén moi acaída polo camiño que traza a novela, que non é outro que o da maldade máis irracional que non sabemos nin explicar nin entender.
Para min, o peor é o final, un tanto previsible. Iso si, con xustiza poética.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.