Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/05/20

Una Odisea

Daniel Mendelsohn tráenos Una Odisea: un padre, un hijo, una epopeya, publicada por Seix Barral, unha revisitación e unha auténtica explicación do libro, ao mesmo tempo que unha viaxe excepcional de coñecemento familiar entre fillo e pai. Ambos compartirán a Odisea e as vidas, co que isto conleva de silencios, descoñecementos, cariño e preguntas que ás veces teñen resposta e outras quedan suspensas no ar. Porque o libro reflicte unha relación que, como outra calquera, está feita de perdas, de distanciamentos, de apertas, de malentendidos, de afastamentos, de achegamentos, un vaivén que nos provoca dende a distancia un arrepentimento e unha ollada diferente ás nosas propias relacións familiares. Todo isto adobiado por unha auténtica explicación do libro orixinal, con todas as claves posibles que este poida ter. 
Por iso o libro ten dúas lecturas: un ensaio sobre a obra de Homero e unha novela autobiográfica (ou autoficcionada) da relación entre os protagonistas. Ambas partes unidas convértense así nunha reflexión sobre a familia e as relacións que se establecen nela, a educación... o reencontro. É dicir, sobre a vida, formada por tantos fíos visibles e invisibles que nos van tecendo e destecendo como fai Penélope.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.