Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/06/20

O derradeiro libro de Emma Olsen

Gustoume a novela no seu momento e gustoume o cómic que agora vén de adaptar Pablo Prado da orixinal de Berta Dávila e que publica Galaxia co mesmo nome: O derradeiro libro de Emma Olsen. A verdade, parecíame un libro ben difícil de adaptar a cómic e o autor soubo resolvelo ben: saltos temporais, monólogo... adáptanse a recursos visuais dun xeito que semella "doado". Por exemplo, as cores e a súa viveza, máis vivas para o pasado (idealizado) e máis grises para o presente (derradeiro); mesmo o uso das tonalidades verdes para falar do cancro parecen ben axeitadas.
Como sabemos, o libro fala, entre outras cousas, das emocións e da dificultade da súa expresión verbal que sente a protagonista cando escribe. Estas emocións reflíctense arestora graficamente. E chégannos, que é o importante. O que supón un bo traballo, claro está. Falar da homosexualidade e do que supón esta nunha vila pequena reflíctense asemade mesmo cun esputo sanguento, o que provoca que o cómic nos dea novos detalles que non nos ofrecía a novela orixinal, polo que estamos ante unha adaptación pero tamén ante unha reescritura: ambas pagan a pena.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.