Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/06/20

O pintor cego

Non hai mellor xeito de comezar un mes que falar dunha alfaia, unha desas xoias que colles con delicadeza entre as mans para que non esvare e que ollas con amor en plena éxtase emocional. A portada é só un pequeno indicio do que imos atopar. Pero é moito máis ca un libro, polo que supón todo amor de amizade e comuñón que hai detrás das dúas persoas que o construíron e modelaron. Saber que é o derradeiro supón aumentar a estima polo libro. Hai que abrilo, ulilo, contemplalo, demorarse nas ilustracións e logo dun tempo acudir de novo ao principio para ler a historia e soñar como cando eramos pequenas e habitabamos nun mundo lector de príncipes e princesas, de amores e de soños.
O libro en cuestión non podía ser outro que O pintor cego do tándem formado por Xabier Docampo e Xosé Cobas, publicado cun coidado marabilloso por Kalandraka. Personaxes que nos levan da man a referencias pictóricas que podemos estudar grazas a ese legado cultural que nos abre a porta a pinturas e pintores. Unha delicia absoluta é esta metáfora á que volveremos de cando en vez para acariñar os nosos soños e que pon en valor as artes sen as cales o ser humano non podería ser o que é: humano.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.