Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/07/20

La hora de los hipócritas

Non podería deixalo pasar. Se escribe Petros Márkaris, a fidelidade está asegurada. Unha homenaxe engadida a meu pai. Desta volta, publicada coma sempre por Tusquets, La hora de los hipócritas fala de magnates trampulleiros que deben ser castigados. A ver, xa digo, teño debilidade por este autor: levo con el moitos anos. Con el vin envellecer ao seu protagonista, Jaritos, e puiden coñecer a toda a familia, amizades e lealdade. É como da familia. E acaba de ser avó!!! (imaxinade!!!). Así que gocei da lectura coma decote, unha vez máis. Porque dá gusto ler sobre un investigador que non é alcohólico, que non está desquiciado... senón que é unha persoa normal e corrente que ten unha familia e un traballo. Estamos tan acostumadas a ler novelas negras cun protagonista problemático que este descanso é un auténtico pracer.
Ademais, o autor pon o foco da súa mirada na realidade social grega. Na máis actual. E iso tamén me encanta. Unha ollada crítica e lúcida sobre o que nos rodea: a crise, a economía, os paraísos fiscais, a inxustiza social, as clases sociais, o papel necesario dun xornalismo crítico... Márkaris sabe falar de todo sito sen caer en ningún detalle escabroso, obsceno. Non nos revolve as tripas con descricións tortuosas de maldades criminais. Sinxelamente, atrápanos maxestuosamente. E iso é de agradecer.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.