Un fermoso e novidoso libro de Antonio Reigosa que conta coas ilustracións sorprendentes de Rita Gutiérrez e publica Edicións Embora. Un deses libros gorentosos que presta ter na mesa de noite para ler unha historia antes de botar un sono, para volver a sorprendernos co que nos conta o autor e para deleitarnos coas súas ilustracións: un libro alfaia, un obxecto deses que presta ter e ollar, ler e reler, deterse ou apurarse. Deses libros que constitúen o agasallo perfecto porque sabes que con el sempre vas atinar. Garantido.
Reigosa ofrécenos un monllo de relatos, nos que as situacións ou os personaxes quedaron esquecidas -ou ben por completo ou ben algún dato- e que debemos ter no noso imaxinario colectivo. Realiza, pois, un labor documental amplo e preciso para facernos chegar o que anteriormente quedara (na súa grande parte) agochado. Asemade, quen fardamos de coñecer o autor, sabemos do seu sentido do humor e a súa retranca, algo tamén presente no texto e que consegue, non podía ser doutro xeito, arrincarnos un sorriso no que está presente, por decontado, a súa face pícara e que imaxinamos á perfección á hora da escrita.
De todo hai neste libro, xa que ao ser historias tan curtas nel caben amoríos, andanzas e realidades.. e ata vacas!. Por iso, ademais de pola escrita, é tan ameno e levadeiro. Asemade, non podo deixar de facer fincapé nas ilustracións dunha artista descoñecida para min e á que lle queda moito por dicir. Non hai máis que axexar se se quere a portada: magnífica!
Dá gusto termos libros así na nosa lingua. Parabéns á editorial, ao autor e á ilustradora por conseguir este estupendo agasallo.
Sen comentarios
Publicar un comentario