Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/11/20

A lavandeira de San Simón


 Supón unha boa nova o feito de que a editorial Xerais comece unha nova colección en formato de álbum ilsutrado denominada "Pequena memoria" polo que significa: dar importancia al formato álbum e a importancia da lembranza, da memoria histórica; sen esta memoria nada somos. O primeiro título que temos é A lavandeira de San Simón, con texto de Eva Mejuto e ilustracións de Bea Gregores. Sinto, porén, que o resultado da edición non seixa máis axeitado, xa que a idea é boísima, igual que o resto do traballo que contén o libro. As guardas son excepcionais, con fotografías reais da época e as ilustracións ocupan cada páxina. Pero hai páxinas difíciles de ler porque non resaltal o texto sobre o fondo, e é aí onde hai que mellorar o resultado do produto. Este é o único "pero".

A lavandeira de San Simón lévanos a retroceder na historia, a uns momentos terribles que o noso país sufriu non hai tanto tempo. A mulleres solidarias, a crueldades innecesarias, a represións, castigos e asasinatos impunes amparados pola lei da ditadura. Esa que non admitía opinións contrarias. 

A illa de San Simón representa unha parte da nosa historia importantísima que se tratou de agochar. É hora de lembrar que supuxo, é hora de non esquecer que unha illa pode converterse nun inferno se o ser humano así o desexa. Pero tamén é hora de lembrar que houbo persoas dispostas a tentar evitar un sufrimento terrible, cando menos, a palialo na medida do posible. E isto é o que nos conta Eva Mejuto.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.