Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/01/21

O paraíso dos inocentes


 N
on se me ocorre mellor xeito de comezar o ano que recomendando un bo libro da nosa Literatura. Así celebremos o cambio de ano coa esperanza de que este sexa mellor para o mundo e que medre a nosa Literatura. Antón Riveiro Coello non decepciona, porque ten oficio, e este oficio demóstrase novamente en O paraíso dos inocentes, publicado por Galaxia. Unha novela que nos introduce por vez primeira na nosa Literatura (creo) no conflito sirio. Neste libro pasearemos con medo polas rúas de Alepo, mentres é bombardea e mentres vivimos nunha guerra sen fin. Logo, chegaremos a Bruxelas, onde -a pesar de ser unha cidade occidental- tamén percorreremos rúas que están en guerra, xa que o mundo occidental amosa a súa indiferenza e a súa non-aceptación daquelas persoas necesitadas que fuxiron da fame, a miseria, o medo e a guerra. Que significa ter que marchar do propio país? A soidade, a dor, o medo camiñan ante a nosa indiferenza. Ese camiñar marca as páxinas do libro. Un camiñar pousado, tráxico, vibrante... esperanzador. Si, tamén atopamos a esperanza entre os cascallos das rúas e os cascallos dos corazóns. Aferrémonos a ela. Sen ela, non poderemos xuntar eses anacos de vidas esnaquizadas por políticas incongruentes e intransixentes. Neste sentimento ventureiro atoparemos tamén como reconstruírnos despois da morte de seres queridos, atoparemos a humanidade, atoparemos un sorriso que pague a pena, a pesar de todo, porque somos seres humanos, capaces de cometer actos atroces pero tamén capaces de sermos solidarixs, afectuosxs... ao fin e ao cabo, humanxs.


 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.