Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/01/21

O perfil da boca

 


U
n libro que namora por fóra. Sen previo aviso, sen tocalo sequera, queremos posuílo. Tanta é a fermosura que transmite! Abrímolo con coidado, con discreción mesmo, marabilladas ante as ilustracións que nos agasallan as primeiras páxinas. Agardamos, contemplando a beleza, antes de seguir; logo virá a lectura demorada, tenra, emocionante. Cánticos ligados á infancia, á aldea. A avoa como eixo. Eu, que non a tiven, añóroa. Porque este libro é unha homenaxe a todas as avoas (e eu agora tamén o son), unha homenaxe que se transforma en demostración de afecto, en expresión de vida, en defensa dos sentimentos. A voz poética lévanos por terreos vizosos que nos transmiten cheiros e sons e que nos leva a infancia, a súa e a de moitas persoas, a unha infancia que non se debe esquecer.

O perfil da boca, de Lorena Conde, editorial Urutau.

 

Criáronnos aquí os palíndromos das aves
que se repiten desde as estremas.
Criáronnos os labores, as estacións,
a fronde do tempo, comer terra.
Comer terra e coa boca chea
repetir os nomes dos ríos e os golfos,
coller coas mans redondiñas saltóns
- dos das ás de vidreira e dos pequenos-,
escaravellos das patacas,
zapateiros verdes,
acariñar con prudencia
a casca de grafito das vacalouras,
facer coroas e colares de pampillos
e comer as mazás en cuartos
que o avó estona coa navalla e reparte.
Criounos no salvaxe María
e medrounos a sombra nun paraíso

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.