Eva Baltasar publica en Random House Boulder, novela que me pareceu alucinante e moi recomendable por falar da sexualidade feminina e das relacións lésbicas sen andrómenas e por falar da maternidade como a intromisión da descendencia e como esta maternidade é quen de transformar as persoas e as relacións de parella. A protagonista chámase Boulder (como as grandes pedras illadas nunha paisaxe sen que ningúen saiba por que están aí) que pasa da súa vida en soidade á súa vida en parella, unha relación perfecta ata que esta última lle pide ser nai, por inseminación artificial. E aquí comezan os problemas, o afastamento, a crítica ás clínicas de reprodución asistida, a ausencia de sexo e a presenza dun novo sinfín de emocións e sentimentos que provocan un afastamento que será xa insalvable. Calquera maternidade é válida, porque vívese de diferentes xeitos. E á nosa protagonista, finalmente, chegaralle con ver a súa filla de cando en vez. Esta é, creo, a mensaxe final: que debemos vivir en coherencia con nós mesmas, e dentro desa coherencia tamén se pode vivir a maternidade. Porque esta é unha escolla, e temos que facer o que sentimos. Non todas temos por que ser nais, nin nos poden obrigar a selo, nin a querelo.
"La maternidad es el tatuaje que te fija y te numera la vida en el brazo, la mancha que inhibe la libertad"
Sen comentarios
Publicar un comentario