Gustoume moitísimo esta proposta de Steve Tasane publicada por Kalandraka: Eu son A, un libro duro que consiste nun diario dun neno que vive nun campo de refuxiados, un territorio totalmente inhóspito no que semella imposible sobrevivir, a pesar dos esforzos que o ser humano realiza pola súa supervivencia. Ás veces pregúntome de onde sacamos tanta fouteza en momentos así. E pregúntome asemade como podemos permanecer impasibles ante tantas inxustizas. Porque o libro é duro, si, pero o único que fai é lembrarnos que isto é real, e que está a suceder aquí ao lado, ese lado ao que non ollamos. O neno protagonista chámase A porque non ten nin sequera nome, ao igual que os nenos e nenas que sobreviven sós e soas canda el, xa que non teñen a ningúen que os axude nin ampare, non teñen familia nin "libro de vida", un documento que acredite a súa existencia. Non son ninguén porque son invisibles, o que remarca a importancia da identidade, pero tamén da solidariedade e da esperanza. Son nenos e nenas que tentan ante todo lembrar, lembrar quen eran e o amor que sentiron coa súa familia, lembrar que a guerra e a inxustiza arrebatoulles o máis importante das súas vidas, pero que teñen que tirar cara adiante, e nunca cara a atrás.
Sen comentarios
Publicar un comentario