Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/02/21

Mejor la ausencia


 A
índa non estando lectora, este libro encantoume. Veño de rematalo agora mesmo e sinto a imperiosa necesidade de vos falar del. Mejor la ausencia, de Edurne Portela, publicado por Galaxia Gutenberg, non é un libro cómodo, non é un libro alegre, pero si que é necesario. Tanto, que falar de malos e de bos, onde non hai ninguén que se salve, porque ningúen é tan malo nin ninguén é tan bo, é preciso cando sae de dentro, dos cuartos da cas na que se vive, das rúas que percorres cada día, dos silencios que escoitas e dos ollos temerosos que observas. Edurne Portela conta en primeira persoa, coma un diario, o drama persoal dunha familia vasca, dende o punto de vista dunha nena que vai medrando e que vai comprobando como a realidade supera cada ficción e como é imposible vivir, e deixar vivir, en ambientes cheos de violencia, de inxustizas, de complicidades e de traicións. Por iso mesmo estamos lendo unha novela dura que nos atrapa dentro da espiral de violencia que vive esta nena e esta sociedade entre os anos 1979 e 1992. Por estas páxinas transitan ETA, GAL, outra pandemia: a heroína, o paro, a violencia en todas as súas formas: a violencia de xénero, a violencia social, a violencia familiar; dianas pintadas nas casas e chamadas anónimas ameazantes. Unha atmosfera abafante. Unha familia rota. Un ser humano que quere curar as feridas (a saber como): todos estes temas, incluído os abusos sexuais, o alcohol, a amizade, teñen oco neste libro. 

Si, o mellor é a ausencia.



 

.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.