Non son eu deste tipo de lectura, porque adoita deixarme mal corpo, e así foi; reño de certo que iso significa que o libro está ben, posto que senón, non sería capaz de me remoer o estómago. Pero hai relatos que, efectivamente, deixáronme en mal estado, agravado aínda por riba polas primeias reaccións á vacina, o que constituíu todo un reto de lectura.
Por suposto, como en todo libro de relatos, hai algúns que me gustan máis e outros menos, e teño que constatar que o meu preferido pasou a ser "Área de servizo"; agora ben, non me preguntedes cal foi o que menos me gustou, porque non sabería dicilo; quizais o que máis me arreguizase fose o de "Selenochlamys estadea": non quero volver a ver unha lesma por un tempo!
Por certo, estou a falar do último libro do meu prezadísimo Carlos Negro, que aparca a poesía -espero que por pouco tempo- para nos ofrecer un monllo de retalos que son moi do seu gusto e que constitúen -creo eu- unha homenaxe aos seus autores de referencia, entre os que se atopan Agustín Fernández Paz. Non cantan paxaros neste bosque está publicado por Xerais.
Sen comentarios
Publicar un comentario