Nova entrega de Ledicia Costas con estas aventuras dos Minimortos. Desta volta, publicado por Xerais, Criando malvas é o subtítulo que acompaña a este libro que conta novamente coas ilustracións de Mar Villar. Unha segunda entrega que nos fai crer que Ledicia vai converter nunha saga literaria onde falar sen ambaxes da morte, e duns nenos que viven as súas aventuras no alén mentres agardan a que algún día cheguen os seus pais, que seguen vivos.
Sempre foi un tabú falar da morte coa rapazada. E Ledicia, curiosamente, consígueo con humor e tenrura, dun xeito tan estrañamente doado que aínda resulta moi chocante para as persoas adultas. Lembro que cando estaba a ler a primeira entrega, alguén ollou a miña lectura e comentou "que desagradable" ou "que inapropiado" e eu retruquei "non tes nin idea". Si, non é doado derrubar tabús e temos unha autora que o consegue por medio da Literatura. Vaia, que a Literatura volve a demostrar unha vez máis que calquera tema ten cabida se hai unha autora (e témola) que sabe como enfrontarse a un tema tan doloroso.
Nesoutra vida calquera cousa estraña pode pasar!
Sen comentarios
Publicar un comentario