Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/03/21

A contrapelo

 Volve Lara coa potencia das súas lecturas feministas e conseguintes reflexións. Graciñas!

 


 

Desde o primeiro momento no que nas miñas pernas floreceron eses pelos negros e violentos, quixen arrincalos. Con 11 anos os nenos da miña clase querían saber se debaixo do brazo asomaban xa algúns dos indicadores da madureza sexual. Con 12 dábame vergoña facerme fotos de tamaño carné porque non se sabía ben se era eu ou unha imitadora de Cantinflas. Consideramos que  o feito de non controlar os pelos do noso corpo é un fracaso da nosa feminidade, conformámonos co canon porque nos resulta fácil facelo, e por iso nos parece menos violento o que se nos impón. A contrapelo, de Bel Olid, publicada por Capitán Swing. Unha lectura obrigada.

Cunha linguaxe accesible, cunhas palabras próximas, cunhas reflexións lóxicas e cheas de significado, esta autora ofrécenos un ensaio breve, lúcido e contundente arredor da depilación feminina e de todo o que esta implica. Porque si, a depilación feminina non consiste só en arrincarnos os pelos das inguas, esta trae consigo submisión, autoodio, desigualdade, cousificación, sexualización das nenas e infantilización das adultas... Quen nos ía dicir que o que nun principio parece un acto tan nimio e asociado incluso á hixiene, implicara todo isto? Pois si, e para que o poidas comprobar por ti mesma/o, xa sabes, le A contrapelo.

Decir que la depilación es una opción personal, que lo hacemos libremente y que nadie tiene que meterse en eso puede darnos una cierta sensación de libertad, pero nos estamos engañando a nosotras mismas. Sería una decisión personal sin mayor trascendencia si las consecuencias que comportara hacerlo o no hacerlo fuesen equivalentes. Cuando depilarse tiene premio social (<<qué guapa estás>>) y no depilarse trae castigo (<<qué asco>>), la decisión deja de ser inocente y pasa a ser política.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.