Gustoume moito esta proposta de Najat El Hachmi, Premio Nadal 2021 que publica Destino: El lunes nos querrán é unha longa carta que a protagonista dirixe á súa mellor amiga, unha carta que de xeito retrospectivo volve á adolescencia, a unha época de sufrimento pola educación recibida e pola cultura e relixión na que se crían. A procura da liberdade e o desexo de rachar coas tradicións que as converten en persoas de segunda, polo feito de seren mulleres, é o eixo sobre o que xira a historia. Unha historia que marca un abismo entre as posibilidades que ten calquera outra moza da súa idade e a delas. Aínda que nos enmarca nunha determinada cultura e relixión, o relato da discriminación de xénero ocupa toda a novela, xa que feminismo e identidade son os grandes temas argumentais que nos levarán a un desasosego profundo a medida que pasamos as páxinas e que comprobamos as dificultades polas que deben pasar as mulleres para loitar polo seu destino e para loitar asemade contra un sentimento de culpa que chega a ser tan grande como o anceio de liberdade.
Un libro que nos marca e que nos leva a reflexionar e caer na conta de que as mulleres non só son mulleres que loitan senón que a raza, a cultura ou a relixión poñen moitas máis pedras no camiño da igualdade. E isto indígnanos dobremente. De feito, a identidade da protagonista non é descuberta ata o final, porque o anonimato das mulleres é un xeito de facelas desaparecer
Sen comentarios
Publicar un comentario