O malo das triloxías é que pasa demasiado tempo entre a lectura dun libro e outro e aquí tamén fai acto de presenza miña mala memoria. De aí que ao principio me custase tanto situarme na acción de El Rey, terceira parte de No está solo e El Ángel, de Sandrone Dazieri, publicado asemade por Alfaguara, libros que me atraparan de vez: pero, claro, xa pasaron dous anos. Iso si, é imprescindible telas lido para ler este.
Xa pasou ano e medio dende os terribles sucesos acontecidos no anterior libro. A protagonista pretende vivir afastada do mundo, preocupada tan só pola vida do seu amigo. Pero as cousas complícanse. A partir dese momento, o ritmo da novela irá in crescendo, sen descrición superfluas e cun suspense e unha tensión que nos acompañará en cada páxina. Un libro que medra a medida que imos avanzando páxinas e ímonos poñendo en situación. Porque, xa digo, ao principio custa -ou a min custoume-retomar a historia. Por suposto, tal como acontecía nos anteriores libros, o autor sabe manternos co libro aerto, con moitos ángulos e paredes polas que rubir. E cun final que consegue un golpe de efecto. Por suposto, o libro constitúe un broche perfecto, aínda que considero que non é a mellor novela das tres, é moi recomendable se vos gusta a novela negra. Por suposto, ao dúo protagonista, ou ámalo ou non: non hai termo medio.
Sen comentarios
Publicar un comentario