Sorprendeume Manuel Gago con este libro, xa que agardaba algo ben diferente. Aínda así, debo dicir que Nus, publicado por Xerais, é unha lectura amena que fai uso da ironía, da retranca e do humor para pasearnos pola Galicia da chegada da democracia e por un acontecemento verdadeiro e abraiante: a reivindicación nudista galega de 1983. Dende este feito, o autor aborda como é a burguesía (unhas poucas familias de sempre: trescentas) quen colle a dirección do noso país coa chegada da democracia a o nacemento das institucións autonómicas. E farano sen interese ningún pola Autoonomía, senón polo control perpetuo e histórico que mantiveron e seguirán -ou deben seguir- mantendo. Esta é a parte que ofrece a crítica social (adobiada asemade coa necesaria referencia á cultura do pelotazo urbanístico que encheu de cemento as nosas costas), xa que a partir do personaxe principal, collendo como base aqueles actos reivindicativos do nudismo, o protagonista burgués recréanos as súas peripecias amatorias e sexuais dos seus anos mozos: claro que o paso desa mocidade radical á un estadío burgués é o esperado.
Odiamos un pouco a Toño Figueroa (pouco porque así o quere o autor, xa que crea certa complicidade con este individuo), un home que pertence a unha saga poderosa do país, e sábeo. O seu mundo non é o noso, e as súas memorias non as compartimos. Ofrécenos de cando en vez unha loita moral que semella por veces achegada ao mundo real, ao que pertencemos a maior parte da poboación, e outras unha ética propia do seu mundo aristocrático. El, un máis, será unha persoa sen ningún tipo de problemas económicos, por máis que ás veces poida sufrir por un engano familiar que, creo eu, tampouco lle quita demasiado o soño. Un home que desenvolve a masculinidade tradicional sen ningún tipo de dúbida porque é herdeiro de toda a súa parte social.
Sen comentarios
Publicar un comentario