Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/06/21

¿No queríais saber por qué las matan? Por nada

 

¿No queríais saber por qué las matan? Por nada from Mercedes Fernández-Martorell on Vimeo.

06/06/21

25 anos de Lois Pereiro

#LP25anos #BenxaOtero #LoisPereiro #AteneoCasino #CirculoRecreoLalín #CaféCasino

05/06/21

Sibila

 

Cando souben que Rosa Aneiros publicaba novela, sentín unha ledicia enorme. O seu nome é sinónimo de calidade, e fun veloz a buscala. Logo, unha vez comezada, sentinme confusa, non entraba na historia e iso desanimoume... un chisco. Pero estaba tan ben escrita que tiña que seguir. Despacio, porque ultimamente as miñas lecturas son así, lentas, pero imparable. Houben mergullarme nunha illa que me desconcertaba, aínda máis os seus habitantes, aínda máis a súa protagonista. E con ese nome imaxinaba que algo había detrás, con dobres intencións, porque o nome non podía ser máis ca froito dun coidadoso estudo da nosa prezada autora. Sabendo que o nome da protagonista alude a unha muller de poderes proféticos, que significaba o que estaba a acontecer na lectura? Unha lectura chea de saltos temporais, de temas diferentes, de expresións riquísimas, mesmo dunha distopía abrumadora... As persoas que habitan na illa teñen as súas historias, pero os lugares tamén, e son nomeados, porque o que non se nomea non existe, e Rosa Aneiros insiste: Con de Armeria, Baixío de Suantes, Pena de Ouro, Rañosa Vella, Outeiro de Liáns, Laxe do Abeirado, Congostra do Alemán, Campa de Hilario, Fonte do Setestrelo, Castelo da Herba, Aguillóns de Mar de Fóra, Coído de Inverno, Pozas da Lomba, Areal do Cubelo... microtopónimos con nome propio, algo que non ten a propia illa. Unha illa que nos illa e que produce illamento, un xogo de palabras necesario que nos trae consigo, asemade, denuncia social e unha reflexión rotunda sobre a maternidade, pero tamén sobre a veciñanza e o amor, de todas as clases. Lede Sibila, publicada por Xerais.


03/06/21

Glitch

 

01/06/21

Estrita necesidade


 Deses agasallos que non agardas e converten unha tarde en momentos de felicidade. Recibir un libro de Carlos Negro da súa man é un luxo, pero descubrir que os seus versos están acompañados das fotografías de Benxamín Otero é case un exceso. Que sorte de veciñanza! Ambos asinan Estrita necesidade, publicado por Alvarellos.
As fotografías de Benxamín destilan sinceridade. Mans que traballan. Ferramentas que constrúen. Mans que pran á perfección e pousan con coidado o resultado. A pureza da imaxe. A cor e o contraste coa súa ausencia. Perfectos poemas sen versos. As palabras ponas Carlos.

Falamos en masculino, porque o libro é un reflexión sobre a parternidade, unha homenaxe que ambos, Carlos e Benxa, en versos e fotografías, realizan aos pais da posguerra.

esas maus non se herdan

nin a destreza coa garlopa

nunca adquirimos finura

ferranchar non se nos daba


A visión diferente que temos cando somos fillos de cando somos pais.

Cando somos fillos vemos aos nosos pais como entes aos que non desexamos semellarnos, porque son seres cheos de defectos que non queremos compartir. Eles, pola contra, desexan que herdemos, cando menos, as súas virtudes.

Cando somos pais dámonos conta de que anhelamos que os nosos fillos se parezan a nós. Cambia a nosa mentalidade porque xa non somos obxectivos: proxectámonos nos nosos fillos, pretendemos que sexan unha versión mellorada de nós.

A parternidade, como ser pai, é tamén unha das reflexións do poemario.

facerse home

era elaborar os domingos

unha natureza morta con cheiro a cartucho

O libro reflexiona asemade sobre como a posguerra conformou unha forma de ser, as penurias pasadas obsérvanse nalgúns poemas. Tempos de racionamento e austeridade.

en como aproveitas o carozo da mazá

en como arrodeas co coitelo parte podre

nese xesto coa peza da froita

gárdase a fame toda dos corenta

a ansia de que nunca sobre nada

de aproveitar ata a codia máis dura

unha forma de ser xa inquebrantable


 Estas marcan un silencio. O silencio desde o que os pais educan dende a resistencia a un mundo que pousou esperanzas e afectos que non se mencionan.

 o amor 

era regresar á casa 

cunha caixa de mantecadas de Astorga


e o cambio que se produce asemade sobre esta forma de educar. 

 negar a necesidade das bágoas

confundilas con líquido de freos

e o silencio carrexalo no remolque

como travesas prás minas de Asturias

 

 Deixar pasar o tempo, e canda el, o novo diálogo dos afectos

verte avó

ver tocarlle 

á banda 

outra peza

poñerlle música 

a serodios afectos

 

Cambiamos arestora ese silencio polas palabras que nos acompañan.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.