Devolveume Pierre Lemaitre a ilusión da lectura, algo que lle agradezo profundamente, pois xa tiña eu medo a tela perdido para sempre: esta crise lectora foi máis longa que as anterioes; así que despois de comezar moitos libros e telos deixado porque me "pesaban" collín El espejo de nuestras penas -publicado por Salamandra-, que agardaba dende había tempo na mesa de noite; foi todo un acerto, porque por fin me peguei ás páxinas do libro e tiña eses anceios de volver a elas cando saía. Por fin!
Se xa me gustaran os dous libros antriores desta triloxía, este encantoume. Ler a Pierre Lemaitre é sempre unha saborosa viaxe polo mundo!
O libro non ten un só protagonista, senón que ten varios, tanto femininos coma masculinos, aínda que sobre todo podemos falar de tres, pero creo que todos eles son importantes. A vida vainos levando por diferentes camiños cara a un final bastante previsible (o que non lle resta interese á historia) e sobre todo destaca o humor, un humor que ben cómpre dada a situación: Francia está a ser invadida polos alemáns e pronto claudica ante a forza destes; en momentos tan tráxicos destaca o humor que lle infire o autor a algúns dos seus personaxes, e tráenos un protagonista inesquecible que é quen de interpretar todo tipo de picarescas (as páxinas de portavocía do goberno, as mentiras que destaca e a crítica que agocha son destacables, porque a manipulación informativa é un tema candente tamén hoxe en día). E aínda que non falemos de coralidade, hai personaxes secundarios realmente valiosos que dan ese toque humanitario imprescindible que Lemaitre nos quere realzar neste libro.
Coma todos os libros deste autor, imprescindible.
Sen comentarios
Publicar un comentario