Admiro moito este home e o que escribe. Erri de Luca é unha desas persoas que só con mirar a súa face sabes que é unha boa persoa. Imposible enganarnos. E os seus libros transmiten esa sensibilidade que el posúe. Por iso escribe coma ninguén sobre as luces e as sombras do ser humano. A nosa sabedoría e a nosa inocencia. Imposible, publicado por Seix Barral, é unha novela dialogada, un interrogatorio constante e punzante que traspasa calquera límite porque é un axuste de contas entre pasado e presente, entre liberdade e a súa ausencia, entre xustiza e inxustiza. Pero tamén é un retrato da crueldade do ser humano. En Imposible atopamos todo o imposible: algo é imposible ata o momento en que sucede, é imposible tanta casualidade, hai tantas cousas imposibles!!!
Volvemos a estar ante un libro que nos fai cavilar, que nos lembra cantos prexuízos gastamos, que nos remite a que a verdade non ten unha soa cara, que ninguén posúe a verdade como arma infalible e exclusiva, que debemos saber todas as versións, que...
En fin, sempre recomendable ler a Erri de Luca.
Sen comentarios
Publicar un comentario