É difícil ser un bo divulgador científico, pero atopamos aquí un que leva a mellor nota: Yuval Noah Harari consegue enganchar con Sapiens. De animales a dioses. Breve Historia de la Humanidad, publicado por Debate, un ensaio que se le como unha novela (unha novela histórica que recorre os principais acontecementos da historia da humanidade, unha novela de aventuras cuxo protagonista é o "Home sapiens" e unha novela de viaxes que percorre a peripecia vital da humanidade), un ensaio que nos leva polos principais momentos da Historia do home, dende a súa aparición hai 200.000 anos ata arestora. Isto significa sinalar os momentos máis relevantes e interpretar os feitos, todo isto cunha linguaxe desenfadada e amena, o que sen dúbida resulta ser unha ferramenta eficaz para nos atrapar na lectura. Por suposto, bótanse en falta moitos outros momentos dos que o autor non escolle falar (teñamos en conta a súa orixe e o conflito con Gaza, por exemplo), pero temos claro que é imposible deterse en todos os acontecementos nun libro así; pola contra, propón moitas cuestións nas que paga a pena parar cavilar. O mellor, seguramente, sexa asemade o relativismo co que fala, é dicir, que non proclama verdades absolutas, e tamén o seu ateísmo implícito, así como o de nos deixar caer que quen reina non é a ética, senón a crueldade (miremos arredor, pois).
Sen comentarios
Publicar un comentario