Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/03/22

Es mío (Mine) (Sobre series orientais VIII)

 


C
oma case todas as series coreanas que vexo esta longa temporada, nada sei delas nin referencias teño. Esta, simplemente, veu porque a miña "filla adoptiva" Lara comentoume que comezara a vela e non tiña mala pinta. Debido a que estou intentando coñecer a sociedade coreana a través das series, esta interesoume a medida que avanzaba por un motivo: a sororidade que presentaba. Dende logo, teño claro que o amor romántico ten feito moito mal en todas as sociedades e as series que vexo "románticas" así mo deixa ver claramente, pero hai apartados que me chaman a atención destas series; xa os irei comentando. Xa volo dixen: esta serie gustoume sobre todo pola sororidade que desenvolve entre as mulleres protagonistas, cando todo parecía que ía ser ao revés. Hai tamén unha historia encuberta de homosexualidade feminina que me chamou a atención... logo comprobei nas outras series que vexo que a homosexualidade é case un tema tabú na sociedade coreana e que non o deben ter fácil.

Unha vez máis, a serie desenvólvese na sociedade alta coreana. Outro detalle: ser rico en Corea non é doado, pero as series presentan xente rica, moi rica, e deixa entrever as grandes diferenzas sociais que existen, pero a maior parte delas non constrúen unha crítica, simplemente pretenden que gocemos véndoas. E canto máis rico, mellor. Ou sexa, o 1% da sociedade.

A serie enfócase en tres mulleres, algo polo que tamén  me chamou a atención, xa que son elas as protagonistas indiscutibles, xunto a outras que tamén andan por alí. Como tamén lles encanta os "flashback" e as repeticións temporais, a serie comeza cun asasinato para seguir presentándonos os 60 días anteriores. Logo, o de sempre nestas vidas luxosas: corrupción, histeria, infidelidade...


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.