Está claro que o amor romántico viaxou e viaxa veloz por todo o mundo; xa quixera o coronavirus! Despois de ver varias series románticas coreanas, creo que hai algunhas conclusións ben sinxelas: falamos de amor heterosexual (nunha serie entrevese unha relación homosexual e só nunha que racha cánons hai unha relación homosexual clara: xa vos falarei desta serie) con algúns clixés repetitivos en moitas series coreanas: mozo rico que namora de moza pobre; non hai sexo en case ningunha destas series: só o feito de bicarse é algo extraordinario, porque o roce de mans é unha pasada; normalmente, a moza ten dous (senón tres) pretendentes entre os que debe elixir; o amor é puro e para sempre (con cadeados incluídos, como non...) Pero algo chamoume a atención, a pesar dos estereotipos do amor romántico: as mozas non renuncian a seren o que son por amor, algo que se afasta do estipulado neste tipo de amor, e que nos dá certa esperanza; o da compatibilidade por grupo sanguíneo é moi chamativo porque aquí non sucede, e seica que é algo propio de todos os países orientais: por certo, nunha sociedade así, os signos de amor pola rúa deben estar mal vistos, ou iso me pareceu.
Por certo, comer en Corea debe ser a actividade máis importante que existe. Danlle moitísima importancia ao ritual da comida e ás comidas. E beber non queda atrás: beben moitísimo, e está socialmente normalizado. As farmacias dispensan continuamente remedios para a resaca.
De amor, hai unhas cantas series semellantes nas que cambia o fío condutor: podemos ver unha de música e amor, ou outra de psiquiatría e amor, de farmacia e amor, de atletismo e amor, de dentes e amor, de libros e amor, de negocios e amor... Xa digo, o amor é o importante e só cambia o argumento, para que teña sentido o resto. De esta ampla gama, podedes elixir se estades en "modo romántico" entre as seguintes, aínda que hai máis, claro está. Doutras falarei noutra ocasión porque presentan algúns trazos máis diferentes:
START-UP
Mozos e mozas emprendedorxs que desexan converterse en empresarixs. Ten unha protagonista feminina con carácter que loita polo que desexa, ao mesmo tempo que vai descubrindo o amor, claro está, con triángulo incluído, tal como vos dixen.
ROMANCE IS A BONUS BOOK
Esta romanticada está ben porque sucede entre libros... Interesante porque unha muller separada decide despois de anos volver a traballar, algo ben difícil nunha sociedade como a coreana, que nos deixa claro que a competitividade brilla continuamente.
EL AMOR ES COMO EL CHA CHA CHA
Xa o título fala de amor, non hai engano. Desta volta, entre dentes. Porque a protagonista é dentista. O mellor é que marchamos de Seúl a un pequeno lugar costeiro chamado Gongjin. O resto... xa o maxinades.
EL AMOR ES LA META
Como indica o título, o fío condutor é o atletismo, aínda que o protagonista masculino namora dunha tradutora. Sen máis.
ONE SPRING NIGHT
O interesantísimo desta serie é que o protagonista é pai solteiro. E iso semella algo case impensable en Corea, case un tabú, vaia. E esta situación será a que acarrea verdadeiros problemas para o amor da parella protagonista. Tamén podemos destacar a serie pola gran cantidade de personaxes secundarios que enriquecen contundemente a serie. Nela podemos observar, asemade, a violencia de xénero, algo importante por todo o que conleva. Tamén destacaría a empatía que se ve e as conversas que desenvolven, como o trato entre as persoas.
Vaia, ademais do amor, presenta algúns temas interesantes.
ERES MI PRIMAVERA
A orixinalidade radica en que os personaxe procuran motivos para non namorar e así sufrir. Esta serie mestura humanidade co sentimento de perda, ademais ten algo de novela negra. O protagonista é psiquiatra e a protagonista sofre en todas as relacións. A partir de aí, xa sabedes, o amor.
Sen comentarios
Publicar un comentario