Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/05/22

Mañana (Sobre series orientais XII)


 A pesar de toda a parafernalia que rodea a serie (O Máis Alá, as Parcas, o Inferno...) pareceume moi interesante porque trata o tema dos suicidios e as depresións, algo que normalmente non acontece. Por iso, como xa estou a dicir, a pesar do compoñente fantástico que para min é o menos importante, ao longo dos capítulos asistiremos a diferentes situacións que levan un ser humano ata o límite, de aí o seu desexo de desaparecer do mundo dos vivos. Son realmente estas historias as que convirten a serie nunha serie recomendable, especialmente algúns capítulos, como o dunha moza que é vítima dunha violación e logo a sociedade culpabílizaa (sóavos?); moi interesante tamén o capítulo onde se fala da ocupación xaponesa e o secuestro de moitas mozas para seren usadas como escravas sexuais, unhas mulleres que logo serán, a pesar deste sufrimento infinito, culpabilizadas pola súa propia sociedade... algo que lle acontece tamén á protagonista, pero 400 anos antes; vaia, que por moito tempo que pase a historia semella que se reproduce. Hai outras aportacións interesantes para ver, mesmo se sodes amantes dos cans hai un capítulo dedicado ao seu sufrimento; tamén está o acoso laboral, a impotencia de non atopar traballo, a soidade... Xa digo, fóra de inframundos e fantasías varias, ben combinadas por outra parte coa crúa realidade, coido que é unha serie digna de ter en conta, xa que era moi arriscado abordar un tema así, e conseguen conmover dende o respecto, e tamén dende o humor.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.