Elaine Vilar Madruga publica na editorial Lava El cielo de la selva, potentísima novela que nos lembra e reafirma na crenza de que non debemos esquecer nin perder de vista a Literatura Latinoamericana actual. Unha Literatura escrita por mulleres que falan de violencia, do feminino e dende o feminino e o feminista. Coinciden no sangue, no terror violento que se vive nas rúas, nas pantasmas... e no maltrato. Brutal quizais sexa a palabra que defina a lectura e o propio libro.
Capítulos breves e tensionados, o mundo que neles vive é opresor e opresivo, onde o fantástico e o real fúndense para falarmo do realismo máxico da Literatura que vén do outro lao do Océano.
Esta novela presenta un mundo que asfixia, tanto ao lectorado como aos personaxes, porque a vida mudou en sacrificio. Un sacrificio de seres humanos que a selva reclama. E de aí a linguaxe utilizada: as mulleres préñanse e pairen, teñen crías; non hai sexo nin se dá a luz. A propia linguaxe non deixa lugar a dúbidas, tamén é ela violenta. Matar ou morrer. Morrer ou matar. As protagonistas femininas son a maioría. Os homes, que os hai, son odiosos, malos e temibles. Pero o personaxe máis potente é a propia selva, xa que sobre ela xirarán a vida de todos os personaxes, como un pozo negro que reclama vidas e que lembra que con ela non se xoga, só se lle pode temer. Non sei se é un símbolo do destino ou da vida violenta marcada asemade polo masculino. Olliño con ela. Forma parte da misérrima vida que nos golpea en cada páxina e que nos atrapa, igual que nos acollen todos e cada un dos personaxes para nos reter canda eles, xa que nós tamén, como lectorado, verémonos atrapados na selva cun berro terrorífico de medo, de indignación, de tristura, de dor. A selva é, ao fin, un sistema que devora e mata a quen procura a supervivencia nas marxes sociais; é a crueldade do patriarcado e do capitalismo feroz. A crítica á opresión feminina non solta concesións.
Non queda espazo para a dozura. Si para a tenrura e para a sororidade.





Sen comentarios
Publicar un comentario