Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/10/10

Como Agua


O terceiro título desta nova editorial case impronunciable, Sleepyslaps, volve a non deixarnos indiferentes: está claro que vai conseguir que atesouremos todos os seus libros nas nosas casas, por mor de conseguir tanta obra de arte. Se xa nos deixara atónitos con La gran fábrica de las palabras, agora a escritora Carmen Sara Floriano Pardal xunto coa ilustradora Susana Pérez Barrera achéganos neste Como Agua unha triste historia sobre as bágoas que pertencen á nosa alma e que ás veces escorregan cara a fóra para formar parte do mar.
Sensibilidade, delicadeza, fermosura, sentimentos... todo combinado nun álbum tan,tan fermoso que desexarás posuír.

"A veces lloro. Como hoy.

Igual que un volcán en erupción,
el llanto comienza en lo profundo de mi barriga…

¿Y si los mares y los océanos
fueran las lágrimas de todas las personas
reunidas en un mismo lugar?
"

Vivir cada día

Cunha introdución que me tirou todo o traballo en Carta Xeómetrica, tráiovos un vídeo rescatado por unha compañeira ourensá que nos leva de viaxe a Friol, nos anos 70. E á escola.

10/10/10

It's a wonderful Second Life... Breathe...

Fermosa curta de Samllowry con música de Ultravox. E a voar!!!




Vía Todas

Contar contos

Vídeo con reflexións de nove coordinadores da RIC sobre o oficio de contar contos

Non á violencia contra as mulleres (CLXVII)



Vía Biblio Sarmiento

09/10/10

O idioma en 'stand-by'

Henrique Monteagudo no País:

Comezamos novo curso coa crise económica no centro da atención pública. A expectativa sobre a probable conflitividade que neste outono podería provocar a implantación do novo decreto do plurilingüismo de momento quedou en case nada. Galicia Bilingüe -asociación de nome paradoxal-, fixo un primeiro intento de prender lume na toxeira, trazando un inquisitorial auto de fe contra a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino. Pero a tentativa foi cortada en seco por quen pode facelo, isto é, polos mesmos que, cando lles conveu, entregaban aos pirómanos mistos e gasolina de balde e ás mans cheas. GB xa vai vendo que difícil se pon a vida cando non interesas aos que mandan. Hard life!

- Don't tell, don't ask. Estaranse cumprindo nos centros educativos o decreto, co drástico recúo que impón ao uso do idioma do país? É difícil de saber. En todo caso, semella que a Xunta non vai empeñarse nunha aplicación ríxida da norma. Entre outras cousas esa actitude terá a vantaxe (desde o seu punto de vista) de que facilita o retorno ao tradicional laxismo cos colexios que nunca cumpriron os mínimos en galego, e menos agora. Pola banda do profesorado, circularon iniciativas que promovían a insubmisión aberta, pero dá a impresión de que o que se está a espallar é unha silandeira resistencia pasiva, de xeito que a final cada quen fará o que lle pete, coma nos vellos tempos. Canear as normas está na cerna do Galician way of life.

Sendo así, o deostado decreto -que as súas señorías poderán validar co selo da legalidade, pero ninguén poderá nimbar dunha lexitimidade política e moral da que carece-, acaba sendo norma de carácter intimidatorio, que probablemente conseguirá que o profesorado que pasou a usar o galego só por acatamento á normativa anterior, retorne agora ao castelán. Pero dubidosamente dará dobregado o profesorado máis comprometido. Rematará por imporse a política don't tell, don't ask: vós caladiños co pecado, que total ninguén virá cheirar. No entanto, o debate sobre o galego irá adormecendo nun curruncho do espazo público, nun relaxado stand by.

A quen conviría reavivar o conflito lingüístico? Para a dirección do PP esta lea é unha cuestión de oportunismo máis ca de principios, así que é de agardar que este partido no remexa no asunto deica as eleccións municipais. Tampouco terá maior interese en rebeirar no caixón o Partido Socialista, que nos últimos tempos realizou un esforzo notable de rearme en relación co idioma, plasmado na súa participación nas mobilizacións cívicas, pero agora mesmo ten outros problemas, dabondo graves, cos que lidar. Canto ao BNG, vai ben servido co protagonismo -en gran parte merecido, pero noutra parte torpe e forzado- de que gozou a conta da reacción popular perante a ofensiva antigalego. Mergullado en liortas intestinas, arestora o forno nacionalista tampouco está para moitos bolos.

- Difícil balance. Se cadra aínda é cedo para facer balance destes meses de batalla. O PP escorou cara a unha posición belixerante contra o galego, aínda que dunha banda a pantasma de Galicia Bilingüe lle permite aparentar unha posición máis centrada, e doutra banda, é innegable que, coa entusiasta complicidade de certos medios de comunicación, conseguiu tirar rendemento de prexuízos, medos e resistencias que, inerciais ou reinventados, están máis vivos do que quixemos acreditar. É dabondo significativo que a súa ampla base electoral galegofalante non pasase factura ao PP pola groseira instrumentalización do idioma. A actitude dese electorado, na vella tradición autolesiva do país, denota un desalentador déficit de conciencia lingüística da galegofonía tradicional, que o liderado do PP vén interpretando como unha carta branca. Por tanto, é de temer que volverán a sorprendernos sabe o demo con que falcatruadas. Pero esa mesma actitude tamén pon de relevo o rotundo fracaso do nacionalismo neste eido, un fracaso ben difícil de explicar: a súa dirección espiritual, tan preocupada en marcar a liña neste punto, está obrigada a matinar en que leva facendo tan mal todos estes anos como para que non só a maioría da Galicia galegofalante vote ao PP, senón que se absteña de castigar as obscenas xogadas deste partido contra o idioma.

O Partido Socialista e o Bloque deberán tirar da amarga experiencia pasada a lección de que non dispoñer dunha política lingüística minimamente seria e ben integrada na cultura das respectivas organizacións pode ter un custo altísimo. O PSdG comezou a facer os deberes na conferencia de xuño, pero falta por ver que este impulso teña a necesaria continuidade ata callar nunha proposta de suficiente peso, que calle con forza na mentalidade e na axenda do partido. No BNG o debate sobre o idioma súmase ao remuíño de intricadas controversias que ao remate van supoñer que ou ben o nacionalismo se pon á altura das necesidades e os retos do país, ofrecéndose como ferramenta útil para o progreso e atraendo os sectores máis dinámicos e innovadores, ou que, pola contra, decide arrecuncharse na melancolía, converténdose nun chirimbolo enferruxado.

- As posicións do Bloque. Canto á lingua, no BNG avéntanse posicións de todas as cores: desde a ríspeta defensa, co dispositivo retórico de rigor, dos indeclinables principios caídos do ceo da clarividencia ideolóxica e alleos ás realidades actuais, ata propostas de refundación do proxecto e do discurso -minoritarias, pero mellor acollidas polas bases do que algúns gardiáns da ortodoxia quixeran acreditar-, pasando por tentativas revisionistas loables pero insuficientes, pois adoito parecen máis atentas a salvar certezas ca a afrontar de verdade os complexos desafíos de diante.Mágoa que a organización cívica máis potente, A Mesa, non aproveitase a ocasión para se reinventar fundíndose no amplo movemento cidadán que ela animou, Queremos Galego, por mor de dar nova vida e máis alento a un proxecto cunha estimable traxectoria histórica (non exenta de sombras), que segue a ser necesario, pero que vén ofrecendo síntomas de esgotamento. A proliferación de iniciativas nos últimos tempos pon de vulto que está a xurdir unha pluralidade de posicións que a organización non soubo acoller. En definitiva, a situación esixe reflexión de fondo, crítica ao tempo que repousada, arredada de personalismos, e refugando axustes de contas ou sempiternas pauliñas. Infelizmente, para ese debate xa non poderemos contar con dous valiosos medios, o semanario A Nosa Terra e o dixital Vieiros. Pero o momento non é de deixarse vencer polo desánimo, senón de lanzar propostas capaces de facer pular azos inéditos e liberar frescas enerxías. Outramente, o galego corre risco de enfermar de stand by

"Firefly" e "Ladybug"

Creadas pola compañía de música Mnet.

Mnet "Firefly" from Darrin Hofmeyr on Vimeo.



Mnet "Ladybug" from Darrin Hofmeyr on Vimeo.



Vía

John Lennon: 70 anos

De vivir, hoxe cumpriría 70 anos Jhon Lennon. E Google non se esquece de tan importante data. Fixástevos no seu logo? Precioso.



Dióxenes

Premio Lazarillo de Creación Literaria 2008, Dióxenes está ilustrado por Pablo Auladell e escrito por Pablo Albo. Un relato curioso, curiosísimo, dunha familia que colecciona todo o que atopa, dende o máis grande ao máis pequeno, e por suposto, desde a cousa máis enorme ata a máis ínfima. Co cal, resulta difícil vivir nesa casa onde apenas queda espazo para as persoas. De todos os xeitos, a colección máis importante é a do tío que vén de visita, pois é un coleccionista de cartas de amor, de tal xeito que estas, pola súa culpa, nunca chegan ao seu destinatari@. Nin sequera terán o seu destino se o escribinte é o propio tío. O que fai desta historia tan surrealista -case absurda- unha peza de tristura para lembrar, cun personaxe impregnado na nosa memoria lectora que logra conmovernos como ningún outro.
Paréceme un libro delicioso, ben artellado e interesante, con esas ilustración tan elocuentemente diferentes.


Que é Galego?

Tan difícil como: Quen somos? De onde vimos? Onde imos?

gaLEGO - Que é galego? - Primeira versión from szpedro84 on Vimeo.

Rosalía de Castro nunca aceptaría ese “premio”

Desde Prolingua:

Chamamento a todas as persoas que traballan nos diversos ámbitos da cultura galega

Ante a convocatoria da Consellería de Cultura e Turismo dos «Premios da Cultura Galega», manifestamos que nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega.

Facemos, entón, un chamamento á sociedade e a todas as forzas políticas para recuperarmos o camiño da concordia. Un novo consenso que só pode articularse concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema, e que precisa agora da posición firme de todas as persoas vinculadas á cultura.

Temos o convencemento de que nin as brillantes sensibilidades nin as mellores intelixencias deste país aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia. Desde esa certeza, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato.

Se non entendedes de que vai, informádevos aquí.

08/10/10

Out of Sight

Curta dos taiwaneses Ya-Ting Yu, Ya-Hsuan Yeh e Ling Chung.



Vía

As historias da avoa Catarina

Que preciosidade de libro! Faktoría K achéganos na nosa lingua este relato de Iñaki Zubeldia ilustrado por Estibalitz Jalón que foi premiado no ano 2009 coa III Beca Etxepare ao mellor proxecto para a creación dun álbum infantil en éuscaro. As ilustracións son marabillosas, cunha sensibilidade especial para recrear ese texto que xira arredor de bechiños: bolboretas, saltóns e xoaniñas centran a atención de contadora de contos da historia: a cigarra Catarina.
Un libro para soñar.

Hai moito, moito tempo, nun prado da montaña, vivía unha vella cigarra. Chamábase Catarina e era moi charlatana. Todos os días, sen falta, contaba aos seus veciños historias antigas que a ela, cando era pequena, contáralle a súa avoa, Unha vez, Catarina contoulle á veciñanza a historia da xoaniña.

Amar unha serea

Un libro para os lectores máis novos, cheo de dozura e optimismo, ao mesmo tempo que de poesía, é esta novela de X. H. Rivadulla Corcón ilustrada por Antonio Seijas. Amar unha serea é o descubrimento do amor e da poesía por parte dun neno sensible que é quen de sacrificar o seu propio amor por axudar a outros que el considera necesitados. Un neno que é capaz de soñar unha serea para esa nena diferente e triste que el cre a máis fermosa do mundo. Un neno que prefire ser romántico e poeta antes ca nada no mundo.

"Sabedes o que é o amor?
Eu seino ben. Non volo podo explicar, o amor séntese pero non hai unha maneira de definilo, aínda que sentír séntese con moita intensidade, podo aseguralo, sei o que digo.
Chámome Barucho, Álvaro en realidade, pero o meu avó dicíame Barucho e todos me chaman así. Teño oito anos e o primeiro día da escola, cando empezaba o terceiro curso de primaria, foi máxico".

Campaña "1 de 200" de Implicadas

"A violencia de xénero é un fenómeno que toma diferentes formas en todas as sociedades e que ten as súas raíces na discriminación que mulleres e nenas padecemos en todo o mundo. Nalgunhas sociedades toma forma de burka, noutras de dote e noutras, de mulleres asasinadas polas súas parellas ou de nenas que morren de anorexia ou bulimia. A discriminación impide que as mulleres poidamos desenvolvernos como persoas a moitos niveis, que poidamos obter acceso a recursos, control sobre os nosos corpos ou tomar decisións. Esta situación dáse no Norte e no Sur, onde a discriminación de xénero, a pobreza e as relacións económicas desiguais co Norte agravan as condicións de vida das mulleres e nenas. Porén, todas as persoas en todos os lugares temos capacidade para cambiar esta situación. Na India, máis en concreto en Támil Nadu, son miles as mulleres que loitan contra o infanticidio feminino. Dende aquí ti podes unirte a elas e facer que as sociedades sexan un chan vizoso onde todas as persoas poidamos crecer e vivir con dignidade. Máis de 200 nenas morren cada ano en Salem (India). 200 persoas poderían cambiar esta situación. Por só 12 € ao mes podes ser 1 de 200"
Queres?
Máis información aquí.


Sentir si é cousa de homes

Para previr a violencia


Vía

07/10/10

Bottle

Curta en Stop-motion creada por Kirsten Lepore

Bottle from Kirsten Lepore on Vimeo.



Vía

O insólito ascenso de Madame Pôl


Escrito e ilustrado por Nicolás Arispe, O insólito ascenso de Madame Pôl resulta un libro curiosísimo, case surrealista, incluídas as ilustracións a gran formato unicamente en branco e negro que acompañan un pequeno texto ao pé destas. Debido precisamente a isto, as ilustracións son a parte fundamental da información que os libro nos ofrece, un relato que fala do capricho da maxia e o sorpresiva que esta pode resultar.
Encantoume

Cando Madame Pôl se ofreceu como voluntaria, nin ela nin o mago poderían supoñer que unha corrente de vento inesperada e unha ventá, inoportunamente aberta, causarían tal desastre...

Oh, as cores!


Fermosísimo libro este de Kalandraka, Oh, as cores! está escrito por Jorge Luján e ilustrado por Piet Grobler. Unha introdución ao mundo das cores a través da palabra poética e dunhas ilustracións sensiblemente deliciosas. Cada cor verase asociada cun elemento da natureza mentres estes, pintados, adormecen nas páxinas en branco como se esvaeran na súa delicadeza.
Fermosísimo.

O beixe adormiñou na area de tanto que o arrolou a marea.

Cambiar o cerebro para cambiar o mundo



Estamos programad@s para cambiar, para aprender e para deixar que a nosa contorna modele o substrato dos nosos pensamentos: o cerebro. Se queremos mellorar o noso comportamento cos demais haberá que traballar desde os primeiros anos.
O neuropsicólogo Richard Davidson e o psicólogo Daniel Goleman achegan propostas para mellorar a educación que desenvolvemos na nosa vida.

Vía

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.