Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
28/09/21
Distancias
Atoparalo en Álbum ilustrado, Galaxia, Letras Galegas, Recomendamos
27/09/21
Verano de lobos
Con Verano de lobos comeza unha nonva serie, a de Haparanda. Publicada por Planeta, o seu autor é Hans Rosenfeldt. O libro é entretido e, por veces, orixinal, pero non me acabou de convencer, xa que nalgúns momentos facíase pesadamente lento e asemade pérdese nalgunhas subtramas que non viñan moi a conto. Supoño que o feito de que sexa a primeira entrega tamén é importante porque o autor nesta pretende presentar moitos personaxes e deixar clara a ambientación. Quizais a evolución destes dea máis de si en próximas entregas.
Atoparalo en Lectura, Libros, Novela negra, Planeta
26/09/21
Douche a miña palabra
A sensibilidade especial de Fran Alonso tiña que ser quen nos explicara de xeito tan claro e contundente a importancia da palabra, da lectura, da escritura... un ensaio para un público non acostumado a ler este tipo de libros pero que entenderá perfectamente pola linguaxe e o ton utilizados. Publica Xerais Douche a miña palabra con ilustracións de Bea Gregores, un texto que coido debe lerse en cursos como 1º de ESO como axuda para fomentar a lectura, non de calquera xeito, senón con fundamentos tales como o poder que nos dá a palabra e o seu uso.
Asemade, o libro presenta a autores e autora como seres humanos, coma nós, que se equivocan e deben volver comezar, que pescudan unha e outra vez para atopar as palabras correctas e que, sobre todo, son obreirxs da palabra.
Ogallá que a rapazada sinta que grazas a este libro hai un mundo de letras agardando. Un libro con "superpoderes" garante que sexa un libro de referencia para o profesorado que ama a lectura e pretende que o alumnado sinta o mesmo. Un libro onde as reflexións dun escritor convencen porque nacen da emoción do seu traballo coa sinceridade máis absoluta.
A poesía é coma A illa do tesouro, algo moi misterioso; unha aventura. Está chea de mapas do tesouro que forman as palabras. Así que o que temos que facer cando lemos é tratar de reunir as pistas para dar co tesouro. Pero... sabes o que che digo? Que o importante é que as palabras nos digan algo. Que nos emocionen, que nos impacten, que nos violenten ou desagraden, que nos fagan sentir algo... Esa é a maxia da poesía.
Atoparalo en Lectura, Letras Galegas, Libros, Recomendamos, Xerais
25/09/21
Los viajes. Europa
Mitsumasa Anno é un referente que debemos ter en todas as casas que nos preciamos dos nosos libros. Publica Kalandraka un seu álbum Los viajes. Europa, onde con toda a delicadeza e detallismo propia del amosa os escenarios que percorreremos a vista de paxaro tentando adiviñar ante que lugar estamos. Para non perdernos, o propio autor comenta ao final do libro as súas impresións e reflexións, como o choque cultural que supuxo a súa chegada a Europa e onde nos comenta a súa paixón pola arte, que vén ratificada con este libro que temos entre as mans.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
24/09/21
Un espléndido mundo novo
Lin hai moitos anos este libro de Aldous Huxley e sempre constitúe un agasallo necesario telo na nosa lingua. Publica Kalandraka esta tradución de Alejandro Tobar dun dos libros fundamentais da historia da literatura contemporánea en forma de distopía. Un espléndido mundo novo é un libro arquicoñecido como para falarvos del. Publicado en 1932 como un aviso aos totalitarismos, presenta un futuro afastado onde o mundo é feliza grazas a un único lema: "Comunidad, identidade, estabilidade". Para cumprir estas tres premisas, existen os grandes controladores, pero mesmo así poden existir fallos do sistema...
Atoparalo en Kalandraka, Libros, Recomendamos, Tradución
23/09/21
A vida secreta de Úrsula Bas
Lese de seguido a nova novela de Arantza Portabales publicada por Galaxia: A vida secreta de Úrsula Bas. Un novo caso para os policías Santi Abad e Ana Barroso, unha intriga de ciumes e vinganzas, onde os protagonistas viven un proceso de reconstrución das súas propias vidas ao mesmo tempo que deben resolver un cado de desaparición. A carón desta investigación tamén hai, como non, crítica social tentando amosarnos como as persoas somos diferentes ao que parecemos realizando unha caracterización dos personaxes bastante profusa, incidindo en como os sentimentos dominan tantas veces os nosos actos, facendo que estes parezan irracionais. Aínda así, esta caracterización psicolóxica non chega a ter a fondura apetecible para este tipo de novelas.
Recoñezo que eu, como lectora ávida de novela negra, síntome un pouco decepcionada con este libro que, se ben recomendo a aquelas persoas ás que lles apeteza ler un libro entretido, non indicaría para un experto lector ou lectora deste tipo de novelas.
Atoparalo en Galaxia, Lectura, Letras Galegas, Libros, Novela negra
22/09/21
A Coruña
David Pintor ofrécenos en A Coruña, publicado por Kalandraka, un outro caderno de viaxes sen palabras, desta volta da cidade que o veu nacer. Isto nótase sobre todo porque coñece cada recuncho e porque sabe amosar lugares que non veriamos seguramente nunha guía de viaxes ao uso. Pintor introduce asemade elementos imaxinarios para facernos máis deliciosa a nosa viaxe particular por unha cidade que nos acolle silandeira dende estas fermosas páxinas. Viaxemos canda o alter ego do autor na súa bicicleta e baixo a ollada atenta das gaivotas.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
21/09/21
Las Doncellas
Alex Michaelides é o autor de Las Doncellas, publicado por Alfaguara. Un libro que me defradou, debido ás expectativas postas na súa lectura. O máis interesante é o enfrontamento que se produce entre os personaxes principais do libro, Fosca e Mariana, xa que lle dá á lectura un interese especial, aínda que este non sexa suficiente como para dicir que estamos ante un gran libro. Si, déixase ler, como precepto obrigatorio de novela negra, pero nada máis. Quizais o final sexa desconcertante, pero tampouco chega a ser suficiente como para ter este libro nos andeis dos nosos preferidos de novela negra.
Atoparalo en Alfaguara, Lectura, Libros, Novela negra
20/09/21
Chofer de sandías
Divertido álbum rimado de Antonio Rubio e Emilio Urberuaga publicado por Kalandrakahttps://www.kalandraka.com/chofer-de-sandias-galego.html: Chofer de sandías é un canto contra o cambio climático porque fala precisamente da ledicia da natureza; unha ledicia e unha ollada verde que vén, por suposto, dirixida dende a infancia, a que precisamente está máis comprometida na loita contra o cambio climático. E porque esta loita é necesaria, necesaria é a lectura de álbums coma este, que cren nun futuro máis verde dende un presente máis negro.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos, Tradución
19/09/21
Ratos na escola
Volvesn os ratiños de Oli e Natalia Colombo que publica Kalandraka: Ratos na escola é unha divertida e fantástica viaxe agora que temos que volver ao cole: versos que nos amosan cantas actividades diferentes podemos facer na escola, porque non só aprendemos, senón que xogamos, pintamos, musiqueamos... e lemos! E coa maxia da lectura, percorreremos o mundo...
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
18/09/21
Canto eu e a montaña baila
Antes de tela nas mans na nosa lingua, xa tiña lido marabillas desta novela, así que cando a editorial Kalandraka a puxo nas miñas mans, levei unha evidente ledicia. Canto eu e a montaña baila de Irene Solà é unha sorpresa ambientada nunha zona dos Pirineos, entre Camprodom e Prats de Molló. Novela coral onde todos e cada un dos protagonistas teñen voz, sexan persoas ou non. Bebendo da tradición oral, as lendas conmoven dende a súa veracidade ou a súa verosimilitude: que importa que sexa lenda? Lendas que viven na quietude da natureza, no rural tranquilo que foxe da frenética actividad urbana. Nunha novela relativamente curta cabe de todo: ilusión, amores, relacións, erros, pantasmas, proxectos... e neste todo cabe -memo- unha experiencia lectora diferente. Mentres lemos cambiamos de forma como cambia quen narra, dá igual: é unha experiencia que non queremos que remate. Porque estamos en medio dun conto, e gústannos os contos. Porque estes proveñen da maxia. A maxia da lectura. E que nos parta un raio: as flores seguirán medrando!
Atoparalo en Kalandraka, Lectura, Libros, Recomendamos, Tradución
01/09/21
Si la muerte te quita algo, devuélvelo
Conmove a lectura de Si la muerte te quita algo, devuélvelo de Naja Marie Aidt, publicado por Sexto Piso. Como non vai conmover a morte dun fillo? Aceptala e seguir vivindo é posible, pero como percorrer ese camiño tan absolutamente impensable? Porque perder un fillo é o peor que lle pode pasar a un ser humano. E o libro só fala disto, da ausencia, da morte, pero tamén do amor e da vida. A nai, a poeta, a escritora, fala desa dor extrema, unha dor que provoca ausencia de palabras pero que só a través destas poderá seguir adiante: “El sonido apenas puede salir de mí, apenas puedo respirar. Ahora soy otra….”
A carón das súas palabras, no libro intercálanse asemade fragmentos doutros autores e autoras que tamén falaron da morte dun ser querido. A carón destes fragmentos, outros: poemas, cartas, versos, reflexións...
A dor e a palabra.
Atoparalo en Lectura, Libros, Recomendamos, Sexto Piso
31/08/21
Agathe
Gustoume esta novela curta de Anne Cathrine Bomann publicada por Anagrama: Agathe é unha viaxe pola soidade e a dor silenciosa que pode derivar nunha angustia tremenda. Poucos personaxes son necesarios nesta novela: o propio protagonista, psiquiatra, a súa asistenta -importante no seu silencio- e unha paciente que lle dá título ao libro: será esta quen axude a curar ao médico da súa propia doenza, a súa vida. Con poucas palabras, asistimos a un proceso psicolóxico totalmente revelador; realmente, o máis importante do libro é como se fala das enfermidades mentais, con total transparencia e naturalidade.
Atoparalo en Anagrama, Lectura, Libros, Recomendamos
26/08/21
Hamnet
Xa me gustaran con anterioridade libros de Maggie O'Farrell, e este encantoume: Hamnet, publicado por Libros del Asteroide, é unha fermosa historia sobre a perda, sobre a familia, mesmo sobre Shakespeare (de quen non se fai referencia explícita) e a súa familia, protagonistas desta historia, facendo fincapé na cónxuxe, Agnes. O propósito do libro é, precisamente, que non importan os xenios nin as excentricidades, senón que a nosa vida cotián, os nosos acontecementos, a dor que nos rodea e que sentimos tantas veces, é o que conforma a vida do ser humano; e o que máis marca desta é a perda dun fillo: o innomeable, a dor eterna, a inxustiza sen máscara. Por suposto, esta dor e a explicación a creación de "Hamlet", esa vida que alberga a novela, está perfectamente narrada e retratada: esta é unha das calidades da autora, que nos enreda nas súas páxinas para podermos latexar canda as vidas ods personaxes, ulir, ollar e sentir canda eles e elas. Ficción e realidade acaban desdebuxadas porque non sabemos cal é cal, pero non importa, porque quedamos coa dor, coa perda, e coa tenrura que sobrevive a elas. Os sentimentos son os verdadeiros protagonistas desta fermosa novela que non vos deixará indiferentes.
Atoparalo en Lectura, Libros, Libros del Asteroide, Recomendamos
25/08/21
Sol y sal
Videoclip oficial de la canción de Nunatak "Sol y Sal" en colaboración con Anni B Sweet, Arde Bogotá, Ayoho, Miguel Ríos, Nina de Juan, Rozalén, Second, Shinova y Tarque.
Este é un dos exemplos, un máis, da destrución humana, esa que practicamos cada día sobre a natureza. Ten esta futuro aínda?
Atoparalo en Medio Ambiente, Música
24/08/21
Superavoa
David Rodríguez tráenos un recoñecementos ás avoas, esas que nos fan sentir mellor e que nos coidan cando somos crianzas, un libro que está orientada a primeiras e primeiros lectores: Superavoa, publicada por Xerais, conta con ilustracións e letra doada para implicar ao lectorado máis novos nesa complicidade disposta á tenrura que sentimos polas avoas.
Atoparalo en Lectura, Letras Galegas, Libros, Recomendamos, Xerais
20/08/21
Rewind
Encantoume este libro de Juan Tallón, Rewind, publicado por Anagrama. Pareceume un libro moi bo, ben escrito, que te atrapa entre as súas páxinas, que falan sobre todo da perda, pero tamén da supervivencia e da resilencia. Os personaxes que falan e que transitan entre elas son grandes supervivintes que ao mesmo tempo son testemuñas da amizade, do amor, e mesmo da violencia. A vida é difícil, pero estes personaxes teñen que asumir a vida sobrepasando a maior das dificultades, e aí está a súa loita; vivir sen esquecer, sen poder pasar páxina, pero vivir, ao fin e ao cabo. Esta vida é un empoderamento das persoas, trazando diferentes estratexias, pero procurándoas entre o lixo que perdura.
Un libro que non dá tregua, cunha estrutura que consegue atraparnos para seguir os acontecementos; máis ben, para seguir avanzando, porque acontecementos, a posteriori, non hai máis que aquel que marcou a vida e o libro en si. Dor, tristura, impotencia. As páxinas transitan por estes sentimentos que chegar ao lectorado para andar o mesmo camiño que os personaxes e preguntarnos, asemade, cal sería o noso traxecto a percorrer. Supoño que iso só a vida podería decidilo. E mellor que non o faga, dendo logo.
Atoparalo en Anagrama, Lectura, Libros, Recomendamos
19/08/21
Madre Medusa
Un álbum que lle dá a volta a historia: Madre Medusa de Kitty Crowther, publicado por Ekaré. Por que dicimos que a historia é diferente? Porque en lugar de falar da mamá marabillosa, o que constrúe aquí a autora é unha nai demasiado posesiva, unha nai sobreprotectora, que ten que aprender a dar corda á filla. E será esta quen llo teña que demandar. Ante este requerimento, o final é sorprendente.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Ekaré, Recomendamos
18/08/21
El espejo de nuestras penas
Devolveume Pierre Lemaitre a ilusión da lectura, algo que lle agradezo profundamente, pois xa tiña eu medo a tela perdido para sempre: esta crise lectora foi máis longa que as anterioes; así que despois de comezar moitos libros e telos deixado porque me "pesaban" collín El espejo de nuestras penas -publicado por Salamandra-, que agardaba dende había tempo na mesa de noite; foi todo un acerto, porque por fin me peguei ás páxinas do libro e tiña eses anceios de volver a elas cando saía. Por fin!
Se xa me gustaran os dous libros antriores desta triloxía, este encantoume. Ler a Pierre Lemaitre é sempre unha saborosa viaxe polo mundo!
O libro non ten un só protagonista, senón que ten varios, tanto femininos coma masculinos, aínda que sobre todo podemos falar de tres, pero creo que todos eles son importantes. A vida vainos levando por diferentes camiños cara a un final bastante previsible (o que non lle resta interese á historia) e sobre todo destaca o humor, un humor que ben cómpre dada a situación: Francia está a ser invadida polos alemáns e pronto claudica ante a forza destes; en momentos tan tráxicos destaca o humor que lle infire o autor a algúns dos seus personaxes, e tráenos un protagonista inesquecible que é quen de interpretar todo tipo de picarescas (as páxinas de portavocía do goberno, as mentiras que destaca e a crítica que agocha son destacables, porque a manipulación informativa é un tema candente tamén hoxe en día). E aínda que non falemos de coralidade, hai personaxes secundarios realmente valiosos que dan ese toque humanitario imprescindible que Lemaitre nos quere realzar neste libro.
Coma todos os libros deste autor, imprescindible.
Atoparalo en Guerras, Lectura, Libros, Recomendamos, Salamandra
15/08/21
Sunshine
Curta de tres minutos para recoñecer adolescentes maltratadores.
Atoparalo en Curta de animación, Violencia de Xénero
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.





















