Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/09/07

Elegía

Hai tres Roth: Joseph, Henry e Philip, que teñen en común que escriben ben.
Philip Roth é un dos grandes. Nado no 33, mellora cos anos. O seu último traballo é unha pequena obra mestra. É unha novela curta, que se le en pouco tempo, e que deixa un pouso de melancolía no corazón. Hai un momento no que o protagonista di "la vejez no es una batalla, es una masacre", e somos quen de compartírmola. Porque só valoramos o que perdemos, o que marchou, o que xa non está, ou o que nin sequera chegou. O protagonista deduce que a vida non nos pon onde nos toca estar, senón que nos pon onde lle dá a gana, sen preguntar. As cousas suceden sen máis, e as nosas respostas son moitas veces instintivas.
O libro é perfecto, unha xoia que podedes ler a carón do mar, escoitando sen escoitar o lene rumor das ondas, ou na soidade da vosa habitación, ou naqueloutro lugar que elixirades de vacación. Porque contén unha prosa exacta. Fala de como a tenrura se descontrola coa idade, de como soñamos que a vida será para sempre, de como chega o momento en que nos percatamos de que xa non esperamos nada dela.
E é que a vida é un xogo no que nos xogamos a vida. Un xogo demoledor, como a sensación que o autor nos logra transmitir, sabendo que -ante todo- estamos ante un xogo literario perfecto. Autenticamente perfecto.

Recomendámosvola.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.