A vida e a obra do escritor está marcada por unha busca da aspiración poética, herdada da súa familia, emigrantes rusos e polacos, e polo afán de entendemento entre xudeus e palestinos.
A "SEDE" para contar historias tópaa na súa casa do deserto do Neguev; se lle preguntan unha palabra para definir o que escribe, contesta "familia"; se lle preguntan dúas, precisa "familias infelices". Mergúllase na lama do pasado. Eliminou o seu apelido Klausner e quedouse con Oz, que significa coraxe. Fillo único dun home que sabía case vinte idiomas pero que quixo que Amos só aprendese hebreo para que non o contaminasen. A súa nai suicidouse cando o neno apenas tiña trece anos. El non o superou e deixou a seu pai para vivir nun kibutz. Coñeceu a guerra e apostou pola paz.
É elegante no verbo. E mestre no humor e o paradoxo. Escribe coma un poeta a quen os poemas lle saen longos. Está contra o fanatismo e pola paz. Parece un gato pero pode ser unha panteira.
Se vos gustan os libros de memorias, as sagas e as historias da Historia, invítovos a viaxar por este libro. Léndoo coñeceredes e emocionarédesvos coa historia dos Oz, unha familia xudía de orixe europea, ao longo do convulso século XX.
Sen comentarios
Publicar un comentario