Porca terra é a primeira novela da triloxía Into theirs labours de John Berger. É de 1979 e agora témola en galego na colección Contemporánea de Rinoceronte. A súa lectura pareceume moi estimulante desde o punto de vista literario, admirable intelectualmente e profundamente emotiva (se cadra porque medrei na aldea, entre vacas, e a vida dos labregos e labregas é o que se aborda nesta mestura de narracións, poemas e ensaio.) O relato “Cuestión de sitio”, por exemplo, sobre o sacrificio dunha vaca, emocionoume moito máis que moitas descricións de mortes humanas; as reflexións, as metáforas e a sensibilidade de Berger son extraordinarias. Non podo opinar o mesmo, porén, dos poemas, pero iso non deixa de ser unha mancha sen importancia ao lado de personaxes como Marcel e o seu sentido da xustiza en relación á multa que recibe por facer demasiada augardente ou Lucie Cabrol coas súas tres vidas.
E por se acaso a parte de ficción nos soubo a pouco, remata o libro cunha especie de ensaio, o “Epílogo histórico”, que me deixou coa boca aberta, a pesar de que non son especialmente afeccionada ao ensaio. Fascinante a súa lucidez e actualidade e absolutamente recomendable a súa lectura porque “rexeita-la experiencia labrega como algo que tan só pertence ao pasado, algo irrelevante con respecto á vida moderna, coidar que milleiros de anos de cultura labrega non deixan ningunha herdanza pró futuro (...) é negarlle valor a demasiada historia e a demasiadas vidas”.
Grazas de novo!!!
Sen comentarios
Publicar un comentario