Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/09/08

Porca terra

Dende hoxe temos a sorte de contar coa colaboración da nosa querida e admirada Rosa Salgueiro, quen vai compartir connosco as súas lecturas, como xa viñamos facendo nós. Moitísimas grazas, Rosa, por estar aí, e agora aquí.

Porca terra é a primeira novela da triloxía Into theirs labours de John Berger. É de 1979 e agora témola en galego na colección Contemporánea de Rinoceronte. A súa lectura pareceume moi estimulante desde o punto de vista literario, admirable intelectualmente e profundamente emotiva (se cadra porque medrei na aldea, entre vacas, e a vida dos labregos e labregas é o que se aborda nesta mestura de narracións, poemas e ensaio.) O relato “Cuestión de sitio”, por exemplo, sobre o sacrificio dunha vaca, emocionoume moito máis que moitas descricións de mortes humanas; as reflexións, as metáforas e a sensibilidade de Berger son extraordinarias. Non podo opinar o mesmo, porén, dos poemas, pero iso non deixa de ser unha mancha sen importancia ao lado de personaxes como Marcel e o seu sentido da xustiza en relación á multa que recibe por facer demasiada augardente ou Lucie Cabrol coas súas tres vidas.

E por se acaso a parte de ficción nos soubo a pouco, remata o libro cunha especie de ensaio, o “Epílogo histórico”, que me deixou coa boca aberta, a pesar de que non son especialmente afeccionada ao ensaio. Fascinante a súa lucidez e actualidade e absolutamente recomendable a súa lectura porque “rexeita-la experiencia labrega como algo que tan só pertence ao pasado, algo irrelevante con respecto á vida moderna, coidar que milleiros de anos de cultura labrega non deixan ningunha herdanza pró futuro (...) é negarlle valor a demasiada historia e a demasiadas vidas”.

Grazas de novo!!!


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.