Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/09/08

Alterados por Pi

Ás veces, cando un entra no universo Internet e ponse a tirar dun fío, descobre que ao final da madeixa o que está a esperar é unha agradable sorpresa. Algo así me pasou a min hai unhas horas. A orixe da miña investigación foi noso blogue amigo Mesturas que me deu o primeiro paso para coñecer que na Televisió de Catalunya estase a emitir unha serie cuxo fío condutor son as matemáticas. O programa, titulado Ália, pretende, por unha banda, refrescar a memoria e, por outra, picar a curiosidade do espectador entretendo e achegando as matemáticas ao público con situacións da vida cotiá. Pareime a ver algún dos seus capítulos e, aínda que os meus coñecementos de catalán son máis ben escasos, deixáronme un bo sabor de boca...

Emocionado polo meu descubrimento, continuei á procura de programas ou series de TV nesta liña e cal foi a miña sorpresa cando a casualidade me levou a un título tan suxerente coma Alterados por Pi. Presentado polo profesor Adrián Paenza, este programa da televisión arxentina intenta a base de problemas, anécdotas, entrevistas e curiosidades mostrar o universo matemático como un mundo moito máis cercano do que a maioría da xente cre. Aquí vos deixo a primeira parte do 1º capítulo do programa. Sei que non son moi obxectivo, pero eu engancheime. Todo o que estea interesad@ non ten máis que adentrarse na inmensidade de Youtube e continuar coa serie...




A miña dúbida é: para cando un programa destas características na nosa televisión? Sería posible? Acaso non mellora en moito a gran maioría do que nos ofrecen as canles da caixa tonta? A resposta está clara, non credes?

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Ohh, como mola!
Graciñas por descubrirnos isto.
E o presentador ten un aire a Bolbor...nesa forma de explicar, que organizado..!

Anónimo dixo...

dudo moito que na tvg fagan algo con tan boa pinta

Anónimo dixo...

Oooooi!!! xa estamos... polo menos non se menta ao profesor Schcolnik... que xa é algo, vindo de quen vén...
Saúdos para tod@s.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.