Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/10/09

Escribiunos Agustín Fernández Paz

O outro día recibimos un gran honor: o escritor Agustín Fernández Paz escribiunos a este blogue para nos falar, entre outras cousas, da figura de Rosa Parks e o propósito de acudir a ela para comparala coa situación da nosa lingua. E mandounos un artigo que publicou el hai uns meses no Xornal de Galicia. Reproducímolo para vós:

A muller que aparece na fotografía é Rosa Parks, unha costureira de 42 anos que, en 1955, residía en Montgomery (Alabama). O 1 de decembro dese ano esta muller negouse a cederlle o seu asento a un home branco que ía de pé no bus, o que motivou que fose encarcerada baixo a acusación de “perturbar a orde”.

O feito, un sinxelo acto de dignidade individual, tivo un papel moi relevante na eliminación dunha lei inxusta e na consolidación do Movemento polos Dereitos Civís nos EE. UU., unha reivindicación de longo alento sen a cal sería impensable que Barack Obama fose hoxe presidente. “Estaba farta de ceder e ceder”, escribiu Rosa na súa autobiografía. Non aceptaba, por dicilo con palabras de Rosalía de Castro, outra rebelde, “ser estranxeira na súa patria”. Negouse a ser cidadá de segunda: quería ter os mesmos dereitos que os brancos e manter intacta a súa dignidade persoal. A de Rosa Parks foi unha lección de vida imposible de esquecer.

A mentira sobre as armas de destrución masiva en Irak e a referida á imposición del gallego teñen moitos puntos en común. Ben sei que a súa relevancia e dimensión son moi distintas; ao que me refiro aquí é só á metodoloxía utilizada, a ese obxectivo de establecer como socialmente verdadeira unha idea que de feito non o é.

Lembremos o fraude xigantesco urdido polo goberno de Bush: créase a mentira e preséntase unha morea de probas falsas (aquel patético Colin Powell cos tubos de ensaio!). Os medios de comunicación maioritarios difunden o bulo entre a cidadanía. Non se din nunca as razóns verdadeiras da invasión e empréganse grandes palabras para xustificala. Dá igual que despois, destruído Irak, se vise que non había tales armas. Todo vale, que máis ten!

A estratexia para difundir a pretendida imposición del gallego segue exactamente os mesmos pasos: créase a mentira aínda que contradiga os datos da realidade. Desde os medios trabállase para estender a falsidade. Aparecen asociacións que, amparándose en nomes equívocos, se declaran oprimidas por esa imposición. Retórcense palabras como liberdade ou bilingüe para facelas dicir o que non son... Todo vale, unha vez máis!

Cómpre non esquecer nunca esta evidencia: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país non é propiedade de ningún grupo político ou social, senón que é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel, e tamén da xente que tivo que marchar e anda espallada polo mundo adiante. Un ben colectivo cunha historia onde hai moitos tramos de amargura.

Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade coa que se pode facer en castelán. Entre outras cousas, é preciso que a poboación sexa competente nas dúas lingua oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. A dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Esta dobre competencia xa a posuímos todos os cidadáns que temos o galego como lingua habitual, mais o contrario non ocorre. A oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se obstinan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dous idiomas oficiais.

De non ser así, como poderei facer efectiva a miña liberdade individual para utilizar o galego na vida diaria? Se cadra, o que se me está a pedir dun xeito implícito é que sexa dócil e cambie de lingua (nos despachos, nos comercios, nas consultas...) para evitar conflitos. O doado é abaixar a cabeza, claudicar en ámbitos adversos, deixar o galego para cando esteamos na casa ou con persoas de confianza: unha lingua só para o guetto. Podería facelo, xaora, mais a miña liberdade quedaría coutada de raíz.

Neste punto, emerxe a figura de Rosa Parks. Un modelo de comportamento para todas as persoas que desexamos unha sociedade onde non haxa cidadáns de primeira e de segunda. Moitos brancos fixeron seus os ideais de Rosa Parks, moitos castelán falantes nos han acompañar neste camiño de esperanza. Para que agromen por fin os significados verdadeiros das palabras democracia e liberdade.



Moitas grazas, Agustín.

1 comentario:

bemilladoiro dixo...

Hai pouco que, reflexionando sobre o tema, decidín empregar a mesma estratexia:
Chamada de EL CORTE INGLES á miña casa
Parrafada en castelán
-Perdón, non lle entendo (digo)
.....
-Verá, faga o favor de falarme na miña lingua porque non lle enetendo.
....
Tiñades que oir as palabras estupefactas da muller que estaba ó outro lado da liña.
Indescriptible.
Pero recomendo a estratexia. ¡Xa está ebn de docilidade!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.