Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/10/07

Hyyab

Curiosamente, cando onte vin en Iguales en las tres mil este vídeo, non dubidei de que hoxe tiña que traelo a este blog. Pero como ás veces parecemos "conectadas" algunhas bibliotecarias (perdón, eu xa non son, sempre se me escapa!), vin que a miña querida Charo xa se me adiantara. Así que, perdoa, pero eu tamén o vou colgar. E sempre quedando claro que o seu "post" sempre será máis completo ca este.
Hyyab é unha premiada curtametraxe do realizador alicantino Xavi Sala que conta a historia de Fátima, unha nena española de cultura musulmá, que se enfronta no instituto á súa profesora ao negarse a quitar o veo na aula.
A curta serve "para falar da intolerancia", tan rabiosamente de actualidade, cando estamos a ler nos xornais a mesma noticia que nos trae o vídeo. E así seguiremos, témome, por moito tempo, oíndo o que oímos e vendo o que vemos ao noso arredor. Ogallá testemuñas coma esta sirvan para algo máis que para proxectalo na clase e esquecela ao tocar o timbre.


2 comentarios:

O Segrel do Penedo dixo...

Igualdade, tolerancia... ou INTOLERANCIA??
Reflexionemos!!

Nota do Segrel: Conectados tamen os comentarios.

Anónimo dixo...

Puidera parecer que para ser humano e igual debemos vestirnos de roupas e símbolos. Cruces, velos, bandeiras, escudos, blasóns, túnicas, hábitos, aneis e colgantes varios que teñen a función de dicir e de dicirnos o que somos...
Igual o respecto máximo reside en ofrecer o silencio que os demais merecen.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.