Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/10/07

La naranja mecánica


Poucas películas me teñen impresionado tanto coma esta. Tanto que non son capaz de volver a visionala. Unha gran película que arestora volve a estar nas nosas bocas polos tempos de violencia gratuíta que estamos a vivir.
36 anos pasaron dende que Stanley Kubrick a dirixiu. Supuxo unha auténtica conmoción. Esa conmoción que me causou e non son capaz de describirvos con palabras: o emprego da violencia máis demoledora, da hiperviolencia, apalear homes, violar mulleres... nunha linguaxe suburbial inédita daquela e un protagonista (Malcom McDowell) que rachaba a pantalla dende o seu propio corazón latente e cunha música que nos involucraba dentro do filme e facíanos estremecer.

Pasaron os anos e vemos agora a violencia nas rúas, na televisión, nos telexornais... e non nos conmocionan. Un mozo, de súpeto, patea a unha rapaza máis nova quizais porque o seu delicto é ser inmigrante, mentres outro mira para outro lado... Estamos acaso tan acostumados que xa nada nos move a berrar, a pensar que o ser humano é o único animal capaz de destruírse gustosamente?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.