Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/10/07

Nobel da Paz

O Comité entrega o Premio Nobel da Paz ao ex-vicepresidente de Estados Unidos, Al Gore, e ao Grupo Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU. Segundo afirma o Comité, Gore é un dos máis destacados políticos ambientalistas do mundo, quen probablemente máis contribuíu para lograr un entendemento en todo o planeta das medidas que deben ser adoptadas. Ademais, o Comité aplaude os esforzos do IPCC durante as dúas últimas décadas para crear un consenso máis amplo sobre a relación que as acividades humanas gardan co quentamento global.
Este premio envía, pois, unha mensaxe forte á comunidade internacional sobre o problema do quentamento global: o cambio climático é un desafío perigoso, unha verdadeira emerxencia para o mundo.
Porén, onte liamos no xornal que un xuíz británico conclúe que varias das afirmacións que se fan en Una verdad incómoda son "alarmistas". O xuíz sinala que a visión apocalíptica do filme é politicamente partidista e non unha análise imparcial da ciencia do cambio climático: os científicos aínda non estableceron unha relación causa-efecto en casos como o Katrina, a desecación do río Chad ou o desxeo do Kilimanjaro.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.