Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/10/07

En perigo de extinción

Non, este non é un post de medio ambiente, nin imos falar de animais, plantas ou outros seres viventes que poden desaparecer; estamos a falar de algo moito máis grave: a nosa lingua, o noso sinal de identidade.
Onte liamos no xornal La Voz de Galicia que o galego é só a lingua principal para unha de cada cinco persoas, segundo un estudo da Real Academia Galega. E a Mesa pola Normalización Lingüística subliñaba que a nosa lingua acusa a peor situación da súa historia.
O informe da RAG amosa que o descenso da taxa de galegofalantes é moi acelerado, pois no 1992 o galego aínda era a lingua principal para o 60,3% da población; é dicir, nun período de quince anos a porcentaxe de galegofalantes perdeu 40 puntos. A situación é especialmente preocupante nas sete cidades do país (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo), pois o castelán xa é o idioma máis utilizado pola maioría da poboación, mesmo entre as persoas de máis de 40 anos de idade.
Aínda que a administración ten moita parte de culpa (o gaélico goza de máis dereitos lingüísticos que o galego, por exemplo), somos nós, pais e nais, educadores e educadoras, quen debemos plantexarnos a escolla: perder o único que é verdadeiramente noso, o que nos identifica e diferenza ou loitar porque a nosa lingua sexa precisamente iso: a nosa lingua, o que non resta capacidade (como algúns pensan) para saber e coñecer outros idiomas. Coñecer o galego ten que ser un Deber e os Planos de Normalización Lingüística deben cumprirse. Debemos loitar pola nosa lingua

1 comentario:

Anónimo dixo...

FALA GALEGO
PENSA EN GALEGO
ESCRIBE EN GALEGO
DISFRUTA CO GALEGO E DO GALEGO

SIMPLEMENTE...

¡¡¡VIVE EN GALEGO!!!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.