Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/11/07

25 de novembro

25 de novembro: data tope.

Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e todas vós sabedes que unha data non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crua realidade.
25 de novembro
Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.
25 de novembro
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.
25 de novembro
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.
As Bibliotecas Escolares Galegas, os Profesores e Profesoras dos centros de ensino galego berramos
NON Á VIOLENCIA!!!



E @s nos@s compañeir@s, profes de nenos e nenas máis pequen@s, súmanse a esta protesta acudindo aos contos. Grazas a tod@s:

Neste día no que se celebra o Día Internacional da Non violencia contra as mulleres, queremos reflexionar sobre iso. E un xeito de facelo é a través dos contos, que nos contan historias de cada día, nas que se emprega a violencia contra as mulleres dunha maneira cotiá, moitas veces sen nos decatar.
Gustaríanos non ter que celebrar un día coma este.
Gustaríanos que nenos e nenas se relacionasen sen que a diferenza de sexo marcara nada importante.
Gustaríanos que homes e mulleres falaran, falaran e falaran para resolver os seus desencontros, como lles obrigamos a facer na escola aos nenos e ás nenas.
Gustaríanos que cada quen soubese onde rematan os seus dereitos e onde comezan os da persoa que ten á súa beira.
Gustaríanos que ninguén usase a súa forza nin física, nin laboral, nin económica… contra as mulleres para conseguir os seus propósitos.
Gustaríanos que no vindeiro 25 de novembro homes e mulleres atopasen o entendemento e non ter que chorar máis vítimas.
Gustaríanos que os contos se fixesen realidade.




Hoxe, día 25 de novembro, manifestámonos. Manifestámonos contra a violencia, sexa do tipo que sexa, debemos loitar e non baixar a garda, día a día.
Non o esquezades. Todos e todas estamos implicad@s. Porque é a nosa sociedade. A sociedade de tod@s.

2 comentarios:

Montse dixo...

Felicidades! Estaba esperando o vosa entrada. Estaba esperando o día "tope". Estou gratamente sorprendida.

Anónimo dixo...

A vosa xenerosidade para con todas as B.E. e o voso traballo e esforzo dan idea da clase de xente que sodes. Parabéns

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.