De cando en vez hai que volver a este xenio. Non é que veña de lela agora mesmo, como fago cando vos falo dun libro, pero de casualidade a miña vista reparou na novela e decidín recomendárvola, sabendo que volverei a Paul Auster en calquera ocasión. Para min, un señor autor, un mago das palabras e das historias. E neste libro organiza un espectáculo cheo de fantasías lucidas: comedia fantástica, soño infantil de quen decide voltar ao vello tobo farto da decepción constante dunha vida que lamina, conto de fadas. A vida é aquilo que sucede mentres un fai proxectos: así transcorre esta novela, onde Paul Auster renova a súa mirada acerca dos temas de sempre: a busca da identidade, a amizade, o azar e o poder da literatura.
Brooklyn Follies é unha novela para rir e para pensar. E Paul Auster é un mestre. Léndoo vemos como a vida se espalla por sobre, entre, debaixo das palabras. A lingua non afoga, senón que enaltece a acción. O autor concéntrase no que pasa, sen buscar esencias máis alá das existencias. O humor non cae na chiscadela, antes ben, demostra a intelixencia do autor.
Ademais, a editorial Galaxia achéganolo en galego. Que máis podemos pedir?
Ademais, a editorial Galaxia achéganolo en galego. Que máis podemos pedir?
Sen comentarios
Publicar un comentario