No ano 2002 o petroleiro Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel Oil lanzou un SOS a unhas 28 millas de Fisterra. Isto deu comezo a unha das maiores catástrofes ecolóxicas da costa galega. Unha costa que segue contaminada cinco anos despois.
Un informe do Centro Superior de Investigacións Sociolóxicas alerta da presenza de hidrocarburos no sangue das crías de gaivotas nadas despois do verquido; as aves sofren danos en órganos vitais como o fígado e os riles. Isto indica que as substancias tóxicas do petróleo mantéñense na cadea alimenticia. Os investigadores advirten nas súas conclusións de que hai risco de subestimar o impacto dos verquidos de fuel nas poboacións das zonas contaminadas, pois pásanse por alto os efectos a longo prazo dunha exposición crónica.
Iso si, o goberno considera que fixo "todo o que está na súa man" para paliar os efectos da catástrofe, "tanto a nivel humano como medioambiental" e que puxo "máis e mellores" mecanismos de prevención.
As causas están na voracidade do capitalismo e da globalización, pero tamén no escaso peso político do goberno galego e no pouco respecto que ao goberno central lle merece Galiza como país diferenciado. O que nos tememos é que non variou ren.
Sen comentarios
Publicar un comentario