Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/11/07

España versus África

Resulta imprescindíbel ler o último informe publicado por Intermón-Oxfam, Los millones perdidos de África, sobre o custo dos conflitos e o seu impacto sobre as economías africanas e o tráfico de armas que asolaga o continente. Dan ganas de chorar: España é a principal administradora de munición da África subsahariana. A paz non garante o desenvolvemento pero entreabre o cepo da pobreza e clausura os sotos do horror. A vitoria debería ser lograr que a paz deixe de ser o obxectivo e se convertise no chan sobre o que construír todo o demais.
Que esconde o goberno español? A Comisión de Defensa do Congreso dos Deputados está a piques de debater un proxecto de lei sobre comercio de armas que non obriga a dar detalles sobre os produtos que se exportan. Nin sequera Estados Unidos, principal exportador de armamento, oculta esa información. Escribide unha carta (facede clik aquí) POR FAVOR aos portavoces da comisión de Defensa para esixir unha lei que garanta criterios estritos para autorizar ou denegar a venda de armas desde España.




Os conflitos armados ameazan o desenvolvemento de África. Os custos destes conflitos para o continente foron equivalentes nos últimos anos ao total de cartos recibidos en axuda internacional. É urxente someter a control o fluxo internacional de armas: un Tratado sobre o Comercio de Armas forte e efectivo.

O goberno do Chad declarou onte o estado de emerxencia no norte e este do país. Pero non hai moitas diferenzas, posto que o exército seguirá rexistrando fogares e cometendo abusos co pretexto de buscar armas, as autoridades continuarán roubando, a xente buscará auga e comida nunha terra ocre, sen vida. Nesa parte do planeta, entre refuxiados e desprazados, hai cerca de medio millón de seres humanos que se ven obrigados a abandonar os seus cultivos e as súas casa fuxindo da violencia. Dende hai catro meses os refuxiados non reciben víveres; da distribución que se fixera en xuño para un trimestre unha boa parte botouse a perder porque as familias viven en choupanas de palla, cubertas de plásticos, sen un lugar onde almacenar os sacos, e a auga que entraba por todas partes pudreu o gran. Sen nada que comer, os nenos saen cedo a buscar leña para vender ou a pescar... É máis importante comer que ir á escola. Cada mañá hai rumores dun acordo de paz entre o presidente e os grupos rebeldes; cada tarde anuncian a inminencia de novas ofensivas. Por todas partes hai militares: cando camiñas entre homes armados non es alguén que camiña, es un home inerme.
Mentres, a só 600 quilómetros, no mesmo país, pero lonxe da guerra, protexidos por empresas de seguridade privada, os pozos de petróleo propiedade de dúas compañías estadounidenses seguen bombeando, millóns de litros de ouro negro flúen. Alí non hai estado de emerxencia nin mortos nin desprazados nin fame nin anguria nin temor nin miseria: a produción segue o seu ritmo. As petroleras refinan e venden o petróleo, pagan os impostos a Idriss Déby Itno, o presidente corrupto e criminal do Chad, para que compre armas e persoas. Todo ocorre a un tempo nun único país, todo ocorre a un tempo nun único mundo onde aceptamos como normal a contigüidade da abundancia e a miseria, da seguridade e o espanto, da xustiza e a inxustiza, confiando estupidamente en que nada cambie, ou en que nada estoure.
Ata cando seguiremos mirando para outro lado?

1 comentario:

Rodrigo dixo...

Vellas historias co mesmo resultado. A opulencia de occidente constrúese sobre o sufrimento de África. So importan as materias primas, a xente estorba. Políticos corruptos rouban, expolian e matan, mentras o primeiro mundo mira cara outro lado. E cando mandamos axuda, nove de cada dez euros quedan no camiño. Podemos deter esta infamia, so e cuestión de vontade.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.