Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/01/08

Comedia bífida

Esperaba máis da última obra de Manuel Núñez Singala. O autor da obra de teatro máis representada polos centros escolares, O achado do castro, parece verse no compromiso de sacar á luz outra obra similar, e faino de xeito bastante airoso pero para saír do paso. Non é, desde logo, ningunha obra mestra; sacará o riso fácil dos espectadores e quizais faga reflexionar a algún deles, pero paréceme que cae no de sempre, nesas situacións cotiás que tanto coñecemos. O que si está claro é que é unha obra doada de representar nun centro e cun alumnado que se inicie no teatro, polo que seguramente aí estaremos moitos dos teatreiros presentándoa, porque está ideada para nós, un escenario sinxelo e unhas personaxes sen complicacións. O autor constrúe un xuízo á lingua ou ao emprego que dela facemos, encontrándonos con algunhas das situacións que vivimos a cotío no noso país.
Paréceme, desde logo, moi lonxe o nivel desta obra da súa novela Mar de fondo, unha obra quizais pouco coñecida pero que me parece bastante mellor, a pesares da pouca promoción por parte da editorial e da colección tan espantosa (estéticamente falando) na que se atopa.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.