Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/01/08

Existen!

Non só existen, senón que pasaron pola miña casa. E o bo de que exista como mínimo unha raíña maga (no noso caso) é que sempre acerta cos agasallos.

Desta volta, un par de libros:

.- Las mujeres que escriben también son peligrosas de Stefan Bollmann. Xa noutra vida, noutro espazo e noutro blogue vos falara dese marabilloso libro que se chama Las mujeres que leen son peligrosas, que eu non deixara de mercar para goce persoal. Pois ben, este do que agora vos falo vén sendo algo así como unha segunda parte.
Na portada, a cara afilada de Virgina Woolf, muller comprometida coa cultura do seu tempo e cunha visión rompedora da literatura. E logo, un repaso dalgunhas grandes escritoras... que tiveron que enfrontarse á sociedade por expresar os seus sentimentos ou, simplemente, por seren creadoras. Non están todas, pero son todas as que están.
Libros magnificamente ilustrados que son un agasallo para a vista e os sentidos.

.- Tamén quedou depositado -non sei se pola cheminea ou por unha fiestra- un segundo libro que temo non sei cando vou ler, a pesar das ganas: Las benévolas, de Jonathan Littell, que din que é o diario máis humano sobre o inhumano, un libro para ler co cerebro sen alma, de violencia extrema...
Xa está enriba da mesiña, formando unha montaña perigosa que poderá caer en calquera momento. Como dixen antes, a lectura pode ser perigosa...





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.