Recollo deste blogue de fotografía dixital, Fdlog, este interesante post no que se recollen 10 momentos de gran valor histórico por dar un paso máis na arte da fotografía.
1.- Século V.a.C.: Primeiro uso da cámara escura
As primeiras teorías sobre o uso dunha cámara escura para capturar unha imaxe datan do século V antes de Cristo e pódense atribuír ao filósofo chinés Mo-tsu.
2.- 1826: A primeira fotografía da historia
O autor desta imaxe, titulada "Vista desde a fiestra en Le Gras", foi o inventor francés Joseph Niepce. Necesitou 8 horas de exposición.
3.- 1838: A primeira fotografía dunha persoa
A imaxe pertence a Louis Daguerre e titúlase "Boulevard du Temple". O tempo de exposición foi de case 20 minutos e por iso a actividade da rúa non se apreza. No canto inferior esquerdo hai unha persoa á que lle están lustrando os zapatos. A imaxe do limpabotas vese peor porque é de supór que estivo menos inmóbil que o seu cliente durante o tempo de exposición.
4.- 1856: A primeira fotografía subacuática
William Thompson usou unha cámara montada nun mastro para tomar a primeira foto subacuática. A imaxe era bastante pobre e precisou de 10 minutos de exposición.
5.- 1861: A primeira fotografía en cor
Foi capturada polo matemático e físico teórico escocés James Clerk Maxwell. O obxecto fotografado é unha cinta de tartán.
6.- 1875: O primeiro autorretrato
Aínda que os autorretratos en pintura existiron practicamente desde sempre, o fotógrafo americano Mathew B. Brady foi posiblemente o primeiro que tomou unha foto de si mesmo.
7.- 1903: Primeiras fotografías aéreas
En 1903, Julius Neubronner usou unha cámara cun temporizador montado no pescozo dunha pomba para tomar a primeira fotografía aérea. Dise que o exército alemán usou esta idea para tarefas de recoñecemento en tempos de guerra.
8.- 1923: A primeira fotografía subacuática en cor
Esta imaxe fuoi capturada polo Dr. William Longley Charles Martin no Golfo de México.
9.- 1946: A primeira foto desde o espazo
Esta imaxe foi tomada o 24 de outubro de 1946, desde unha cámara de 35 mm montada sobre un mísil V-2 a algo máis de 100 quilómetros da Terra
10.- 1972: A primeira fotografía que amosa a Terra completamente iluminada
Esta imaxe, que se coñece como “A bola azul”, foi tomada o 7 de decembro de 1972, pola tripulación do Apolo 17
Sen comentarios
Publicar un comentario