Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/02/08

En París (2)

Xa vos falamos da Gioconda, no museo do Louvre. Hoxe marchamos ao Mueso d'Orsay, que a min, persoalmente, encántame. Non sei se iredes/iremos alí, espero que si. Porque non é tan agobiante e porque no seu interior alberga verdadeiras marabillas.
Achégovos un cadro chamado "O taller do pintor" De Gustave Courbet, cadro que é un fiel reflexo do seu temperamento e da súa condición política. Cando en 1855 presentou este cadro xunto con outros na Exposición Universal dese ano foi rexeitado.
O cadro evidencia todas as etapas e influencias de Courbet. Á esquerda estás representados de xeito realista as persoas de clases baixas, enmarcadas dentro dunha paisaxe de Ornans. Neste taller dáse cabida a todo tipo de personaxes, como San Sebastián, xa que o cadro represéntase como un Xuízo Final, cos esquecidos á esquerda e os intelectuais á dereita; no centro, San Sebastián, atravesado polas frechas, representando a Academia. O pastor que observa a escena é un espectador ideal e puro. A musa núa representa a Alegoría da Verdade, e na parte esquerda a muller dando o peito simboliza a miseria. Pero tamén están no cadro o amor libre, a poesía, o interese cultural, o estudo...



En canto á cor que predomina é o marrón, o escuro, moi influenciado polas obras barrocas que vía no Louvre e que tanto lle gustaban.
E se vos fixades, unha ventá ilumina a escena. Curiosamente, o foco céntrase na figura do medio, o artista, querendo expresar que el é o mediador da escena, o verdadeiro protagonista.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.