Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/02/08

Tokio Blues

Veño de rematar esta novela de Haruki Murakami, Tokio blues. Cheguei a ela por recomendacións moi expresas e teño que dicir que non atopei ningunha crítica adversa, aínda que a busquei. Pero que lle imos facer, esta especie de best-seller non me encantou. E iso que é unha novela máis chea de melancolía ca doutra cousa, "das miñas" diría un amigo. Pero non me asolaga esa tristura. Un libro no que penetra a luz grazas a algúns dos seus personaxes, mentres outros naufragan.
Sorprende o Xapón de 1969, un Tokio avanzado tanto tecnoloxicamente como na propia liberación sexual que nos transmite, ademais das reflexións do protagonista sobre a morte, a familia, o amor...
A novela está contada en forma dun longo flashback, a partir da perspectiva dun home maduro, o que lle dá ao libro unha peculiar tonalidade emocional. Desenvólvese nun medio urbano a maior parte do tempo, con finura de detalles e de referencias musicais; este universo é quizais o que fai que a novela sexa máis suxestiva, xa que Tokio faise cercano ao mesmo tempo que o comprendemos como urbe anónima e xigantesca. Quizais o que haxa que destacar son os diálogos, rítmicos e fluídos, que sustentan a novela. Porque o autor pusúe axilidade e fluidez, xa que na novela case non hai acción e a pesares diso consegue que non sexa pesada. Esta falta de acción -ou de imaxinación- quizais sexa o máis rexeitable. Hai como unha especie de ensimismamento dos personaxes que parecen vagar sen pais, sen familia, con poucos amigos... case con patetismo, iso si, elegante.

1 comentario:

Toni Solano dixo...

Qué curioso: cuando la leí, me imaginaba un escenario parecido a los que conozco de Galicia. Coincido contigo en la crítica positiva.
Un saludo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.